De carracho a cibercarracho: un mozo de Forcarei contra o delito informático

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

FORCAREI

Cedida

Hugo Fernández protagoniza unha campaña de sensibilización en galego

23 abr 2024 . Actualizado a las 15:10 h.

Chámase Hugo Jesús Fernández Cortizo é de Forcarei e acaba de converterse na imaxe dunha campaña galega de sensibilización sobre o uso seguro das novas tecnoloxías. Concretamente, da loita contra a ciberdelincuencia. A cabeza descuberta, este rapaz de 17 anos é Hugo, ou Carracho, como lle chaman cariñosamente algúns compañeiros. Pero cando pon a capucha do seu suadoiro negro, cámbialle a voz e convértese en Cibercarracho, poñéndolle cara á ameaza da ciberdelincuencia.

A participación de Hugo Fernández nesta campaña non é casual. Hai dous anos, estando na festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, o rapaz, que ía a cabalo, foi entrevistado por un reporteiro da TVG. Ninguén recorda a conto de que, pero o rapaz, nun rauto de espontaneidade, contoulle aos reporteiros que o seu cabalo tiña «un carracho na gaita». Tanta gracia lles fixo aos xornalistas que hai incluso un primeiro plano do arácnido.

A emisión daquelas imaxes fixo que algúns amigos o alcumaran como «carracho». «Non me importa que mo chamen. Sei que é de broma», conta o rapaz, que estuda un ciclo de Carpintería e Moble no IES Antón Losada Diéguez da Estrada.

Dous anos despois, a canle autonómica volveu contactar con Hugo Jesús para solicitarlle a súa participación no programa Dígocho eu, presentado por Esther Estévez. A xornalista conduce un coñecido espazo no que soluciona as dúbidas do público sobre o uso do galego. O programa introduce ás veces temas educativos, aproveitando para sensibilizar á poboación sobre determinados asuntos ao tempo que ensina o léxico relacionado coa materia.

É o que vén de acontecer precisamente coa ciberdelincuencia. Ao abordar este asunto, o programa Dígocho eu lanzou un vídeo para dar a coñecer a palabra cibercarracho, un neoloxismo que vén do rexistro coloquial do galego e que vén ser o mesmo ca ciberdelincuente. E botando man daquel simpático vídeo de hai dous anos, converteu a Hugo Fernández no «cibercarracho». O vídeo —difundido a través das redes sociais— acadou miles de reproducións. «Xa fixemos cinco vídeos e van seguir sacando un cada mes», conta o forcaricense feliz de ser a imaxe da campaña.

Hugo Jesús, que fala galego de sempre, nunca escoitara ata o de agora a palabra cibercarracho, pero está orgulloso de poder contribuír á difusión do galego e á loita contra a ciberdelincuencia advertindo aos usuarios dos perigos de Internet.

A palabra do ano 2023

«Cibercarracho» foi elixida palabra do ano 2023 na votación realizada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, a páxina web para a difusión do léxico galego promovida por ambas as institucións.