Profesor do IES Laxeiro, participante do programa PIALE en Canadá «Expresarse noutra lingua enriquece»
LALÍN

O profesor de educación física participou e dirixiu algunha clase en Montreal
10 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Montreal a maior cidade da provincia de Quebec, en Canadá e a segunda máis poboada do país, foi o destino e estadía dun mes do profesor de Educación Física do IES Laxeiro de Lalín, Xosé Manuel García. Un desprazamento que se materializou a través do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) da Xunta de Galicia.
-¿En que consiste exactamente dito programa?
-É para mellorar as competencias lingüísticas. Nos últimos anos se veñen convocando actividades formativas para o profesorado, tanto dentro do estado español como no estranxeiro, co obxecto de fomentar a actualización metodolóxica e a mellora do nivel de competencia en linguas estranxeiras. Fai un par de anos decidín incorporar na miña materia, que é a educación física, a metodoloxía e a aprendizaxe integral de lingua e contidos en inglés. Logo de coñecer este programa pensei que sería unha boa oportunidade participar no mesmo para mellorar a miña competencia no inglés e ver como se traballa en países de lingua inglesa, con ampla experiencia e ben situados no ránking internacional, como é o caso de Canadá onde estiven.
-¿Que diferencias palpou entre a ensinanza nun centro sito nunha gran cidade respecto do Laxeiro onde imparte clase?
-Malia ao que poida pensarse non existen grandes diferenzas entre un e outro. En Montreal estiven cunha profesora de educación física e puiden observar certas metodoloxías e sistemas organizativos cos que levan máis anos ca nós, e outros que estamos implantando agora pero diferenzas abismais non existen. Puidese semellar que imos máis atrás pero a realidade é outra. Estamos nunha dirección moi semellante.
-A impartición de clases e as materias, ¿moitas semellanzas co que se fai en Galicia?
-En Canadá se centran máis no proceso de facer as tarefas. Buscan que os alumnos sexan moito máis autónomos e se fai especial fincapé en materias como matemáticas, ciencias e lingua. Focalizan ditas asinaturas. Logo tamén é un sistema educativo no que se lle aporta aos alumnos menos datos que memorizar. Os rapaces escollen as materias e se traballa moito máis o proceso de aprendizaxe.
-¿Volta co desexo de poder introducir ou mudar determinadas metodoloxías na aula ou no seu centro
-Non son quen de facelo. Non son eu quen pode implantar nada. Estamos a falar de cuestións de índole organizativa ou de métodos de avaliacións de alumnos. O que me gustaría sería poder aplicar algunha actividade concreta e enfocar algún contido.
-¿Daralle a coñecer a súa experiencia aos compañeiros?
-Iso farei. É unha fase do programa; que se coñeza. Este Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras non é moi coñecido e tentarei divulgalo entre os compañeiros. Por outra banda, coa bagaxe adquirida en Montreal ao longo da miña estadía, tentaremos ver a posibilidade de facer algunha aportación respecto dos métodos e de ideas recollidas. De todos os xeitos todo depende máis ca do profesor.
-¿Que conclusións se extraen dunha experiencia coma esta?
-Para min foi a gran posibilidade de traballar noutra lingua. É un programa, o PIALE, no que non vas a outro país cunha función lectiva; a min se me semellaba cando rematei a carreira e ía facer as prácticas, pero alí déronme a oportunidade de participar, de dirixir algunha clase e o poder falar en inglés con alumnos nativos. Expresarse noutra lingua enriquece. É unha experiencia na que comprobas por ti mesmo ata onde podes chegar. Foi unha experiencia moi satisfactoria e moi recomendable. Foi un mes, o do pasado mes de outubro, cun intenso horario e vivindo cunha familia de acollida na que só me manexei en inglés; ao longo de todo o día, e se puidera ter opción a repetir a experiencia teño claro que o faría.
O programa. Trata de mellorar a competencia idiomática do profesorado e afondar na didáctica do ensino de idiomas estranxeiros.
A meta. A Unión Europea fixa o fomento do plurilingüismo como obxectivo irrenunciable
para un proxecto europeo.