Un disco, que axiña verá a luz, e no que por vez primeira se inclúen pezas cantadas polo gaiteiro Xacobe
28 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.As actividades culturais ao carón do cocido deseñadas polo Concello de Lalín rematarán este venres coa actuación do grupo Linho do Cuco, cun concerto que comezará ás 21.30 horas no Salón Teatro, e no que a formación presentará varios temas do seu último traballo titulado «Viva, Viva».
Concerto no que a agrupación composta por Carlos Quintá, Benxamín Otero, Pablo Doval, Pablo Bernárdez, Xián Herrera, Miguel Touriño, Pablo Pardo e Marcos Pérez interpretará varias pezas do último álbum que, a xuizo de Benxamín Otero, «é continuista, na liña que ten Linho que é rupturista. Hai moitos temas que son moi Linho e en moitos aspectos é un traballo que pecha unha triloxía e en cuestións gráficas tamén lle voltamos a encargar as imaxes a Miguel Calvo. Certo que a nivel musical tamén hai elementos continuistas pero tamén lle damos unha volta de torca e por vez primeira haberá temas cantados». Tres pezas cantadas que forman parte deste novo traballo e que interpreta Xacobe, gaiteiro e cantante de Santiago.
No que atinxe ao título do novo disco hai que buscar a fonte nun conto do escritor Séchu Sende. «Escoitámoslle o conto no Courel e nos pareceu ben bonito. «Viva, Viva», ese segundo Viva é o nome dun can...». E trala presentación de boa parte dos novos temas este venres, o grupo comezará a mover futuras presentacións do traballo por Galicia. «Andamos agora mirando e buscando sitios nos que dar a coñecer o traballo que presentamos con Disco da Máquina; que case é unha cooperativa de amigos xa que a industria tamén está complicada ao igual que o momento que está a ser raro, e preferimos pois controlar os procesos».