Unha árbore do amor en Lalín na memoria de José Luis Sucasas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

BNG, familia e amigos tributaron unha homenaxe a un nacionalista «de ideas para unha Galicia mellor» que «falaba coa dozura incontestable dos homes calados»

18 may 2017 . Actualizado a las 12:35 h.

José Luis Sucasas Fernández foise, como lembraban os seus compañeiros do BNG, «de súpeto e sen estridencias». Onte amigos, compañeiros de batalla e de vida quixeron renderlle unha homenaxe a este lalinense de Cadrón que foi un brillante escritor, economista, político... pero ante todo, como lembraba o portavoz nacionalista en Lalín, Francisco Vilariño con sentida emoción «un entrañable pai, un marido, un irmán, un camarada...».

«Un artesán da palabra, intelixente, que puña o humor como escudo, humilde, retranqueiro e boa persoa, xeneroso» que, lembraba Vilariño, «déixanos un legado moi valioso, o dun home que demostrou que se pode ser fiel aos seus principios, que puxo as súas palabras ao servizo deste país e da xustiza social».

Rodeando á súa dona e á súa familia, estaban onte ao carón da estatua de Ramón María Aller en Lalín, moitos amigos da gran familia do BNG chegados dende diversos puntos de Galicia, veciños, compañeiros e amigos de distinto signo. Na súa honra plantouse unha árbore do amor ao pé da que se colocou unha sinxela placa de madeira, que di: «Falaba coa dozura incontestable dos homes calados».

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amigo persoal de Sucasas, debullou algunha anécdota das moitas vividas con el, subliñando a súa «brillantez excepcional» ou a súa fina retranca e a súa calidade humana. Apuntou que pedirá ós veciños de Cadrón «que teñan un xesto especial que podería ser dar o nome de José Luis Sucasas ao centro social ou algunha cuestión semellante» e «ao que teremos sempre presente na memoria colectiva de todos».

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, citou a Cunqueiro: «O sorriso é unha maneira de seguir tendo esperanza e que o lector de libros de humor é sempre alguén que non se quere converter nun escéptico desencantado» e botou man desas verbas para definir a Sucasas como «unha persoa que compartía con nós o inconformismo e que traballaba por cambiar as cousas». Un home que «sabía tamén que o humor, a retranca, a ensoñación e o sorriso axúdanos tamén a loitar contra as derrotas e contra a adversidade», engadeu. Sinalando que «ler a Sucasas foi, é e seguirá sendo un gozo, un exercicio de aprendizaxe , de camaradería e de cultura humanista». Pontón cualificou os artigos de Sucasas como «a prosa lírica máis brillante e o pensamento máis lúcido que podíamos atopar no xornalismo galego». Alba Suárez Sucasas pola súa banda deu ás grazas en nome de toda a familia do exconcelleiro do BNG «a todos os que durante estas derradeiras semanas nos deron tantos ánimos e tanta forza». Manuel Carbón, responsable local do Bloque foi o encargado de presentar o acto neste Día das Letras Galegas, e que se abriu coa música de Bico da Balouta, que interpretou para rematar o Himno Galego que moitos cantaron polo baixiño.