Xerente da empresa Kalekói, adicada a produción de iogures e leite fresco«O noso é un obradoiro artesán»
RODEIRO

A necesidade de crear algo de seu levou a esta veciña de Rodeiro e ao seu home a apostar e defender o leite; algo que identifica este pobo e que «está infravalorado»
13 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.É filla de gandeiros. Susana Aguiar Carral é das que sostén que nesta zona hai unha materia prima excepcional; o leite, que ofrece unha diferenciación no mercado e que é preciso poñelo en valor. Natural de Rodeiro, esta xove Enxeñeira Industrial cun Máster en Creación, Dirección e Innovación Empresarial decidiu a finais do pasado ano 2014 deixar o seu posto no departamento técnico e de deseño dunha empresa e apostar por darlle a súa vida laboral un xiro e facer súa a premisa de «ano novo, vida nova». Comeza pois a xerminar un proxecto de empresa; Kalekói, que se converte agora nunha realidade.
-¿Que se agocha baixo o nome de Kalekói?
-Un soño e, ao mesmo tempo, un reto persoal. O primeiro que xurdiu foi a necesidade de crear algo propio pero antes de chegarmos aquí se estudaron outros sectores totalmente opostos que nunca chegaron a callar. Entre a análise e ese estudo de diferentes propostas un día se nos prantexou unha pregunta: ¿que podemos ter nós especial? Buscando unha resposta foi cando apareceu o sector lácteo. É unha materia prima excelente e aí foi onde nos prantexamos poñer en marcha unha empresa na que se usase o leite.
-Sacan ao mercado leite fresco e iogures pero, ¿como foi o proceso ata chegar a este resultado?
-Fai un ano empezamos a buscar información e contactar con pequenos produtores artesáns do norte de España e institutos lácteos. Alá polo mes de xaneiro visitamos a produtores en Castela-León e, a partires desa visita, empezamos a ver todo máis factible e comezamos a contactar con posibles provedores de fermentos, máquinas, envases... e buscando un local axeitado para comezar a producir así como iniciar os trámites para obter as licenzas precisas. No verán foi cando, coa obra xa en marcha, visitamos a artesáns de Asturias, País Vasco, A Rioja, Cantabria e Cataluña cuxa súa experiencia nos axudou a perfeccionar o noso produto.
-¿Unha planta produtiva como a súa require dunha tecnoloxía punta?
-Non necesariamente. O noso é un obradoiro artesán. Kalekói nada ten que ver coa gran industria. É certo que se precisa maquinaria moi específica e que é difícil de atopar para pequenos artesáns; ao estar todo máis enfocado para os xigantes do sector lácteo. No que empregamos moito tempo foi en buscar as aplicacións que mellor se nos adaptaban ao que buscabamos e aquelas que nos podían ofrecer maior versatilidade. Cun investimento contido podemos dicir que temos un equipamento moi básico pero que nos dá moito xogo tanto á hora de elaborar os nosos iogures como de diversas sobremesas lácteas.
-Diciamos que sacan ao mercado leite e iogures, ¿na idea está comercializar outros produtos derivados do leite?
-O mercado do queixo está saturado e máis nesta zona na que contamos con tan bos queixeiros así que fomos quenes de apostar por un complemento, o iogur. Vimos que en Galicia apenas existen obradoiros artesanais e pensamos que se poden facer grandes cousas neste eido. A nosa idea inicial era só elaborar iogur, xa que o leite ten un periodo curto de conservación, pero cando xa estaba case todo terminado vimos que nos servían as mesmas instalacións -sen levar a cabo ningún tipo de cambio- polo que pensamos en ofrecelo como suplemento no ámbito local. Certo que nun futuro pensamos en seguir ampliando a oferta de produtos, non só no que se refira a aumentar a variedade de iogures (desnatados, batidos, sen lactosa) senón con outras variedades coma a nata ou o kéfir.
-¿A materia prima que usan procede ao 100 % da zona?
-No caso do leite sen ningunha dúbida. Temos moito e de boa calidade. Nas marmeladas que introducimos no iogur ampliamos un chisco o ámbito ao buscar combinacións e sabores que sorprendan aos compradores. O que temos claro é que sempre serán galegas e de fabricación artesán, seguindo a filosofía dos nosos produtos e sen conservantes nen engadidos químicos.
Ubicación da firma. Na zona industrial de Bergazos, polas comodidades que ofrecía.
Significado do nome comercial. Kalekói é como os antepasados gregos denominaban a zona noroccidental da Península Ibérica. O topónimo ven dos poboadores celtas. O nome é unha volta ás orixes.
«Para emprender non hai un momento ideal para facelo»
Chegar a aquel cliente preocupado por consumir un produto de maior calidade e eminentemente saudable aí está un dos obxectivos que se busca dende Kalekói. Por outra banda, apunta Susana, «queremos satisfacer a demanda dese sector que elixe un alimento máis natural e menos procesado, sen aditivos, colorantes u outros compoñentes artificiais. Unha aposta firme polo natural.
-¿A totalidade dos produtos se comercializan baixo o mesmo nome?
-Si. Todos levarán o nome da marca; Kakekói. Empezamos dende cero así que decidimos que remase todo nun mesmo sentido para crear unha marca de produtos artesanais de calidade.
-Dúas liñas diferenciadas de alimentos.
-Unha é na que se engloban os produtos tentacións, que está máis enfocada a ofrecer unha sobremesa sa e natural; con combinacións dun iogur moi cremoso con marmeladas artesanais de froitos do bosque, physalis, mora con mazá e laranxa, figo... Falamos de iogures en envases de vidro, nos que coidamos moito os detalles da súa presentación. A outra liña é a clásica; leite fresco e iogures máis lixeiros en dous sabores: natural e con marmelada de amorodos. Están envasados en cartón parafinado impreso coas cores e logo da empresa; unha imaxe sinxela e ao mesmo tempo moi atractiva. Tamén dispoñemos de envasados especiais para a hostalaría.
-¿É momento de emprender?
-Non hai un momento ideal para facelo e moito menos unha fórmula máxica. Se houbese un momento axeitado creo que debería relacionarse co persoal.
-Estiveron na terna do premio ao xove empresario, ¿o mellor?
-O mellor foi poder compartir a nosa experiencia co resto de emprendedores e empresarios.