Carlos Varela: «A Xustiza non está preparada para a demanda colectiva das preferentes»

Javier Romero Doniz
JAVIER ROMERO RIBEIRA / LA VOZ

ECONOMÍA

CÉSAR QUIAN

Afirma que na súa comercialización ocultáronse aspectos negativos

10 may 2013 . Actualizado a las 11:47 h.

Carlos Varela (O Carballiño, 1956) abandeira dende a Fiscalía Superior de Galicia a única demanda colectiva en España coa que se pretende que os aforradores que mercaron preferentes recuperen os cartos sen quitas. O Xulgado de Primeira Instancia número 11 de A Coruña ten a última palabra.

-¿Cre honestamente que os afectados polas preferentes recuperarán os seus aforros?

-Temos instrumentos, a través da lei de enxuizamento civil, para exercitar unha acción colectiva e o Ministerio Fiscal está lexitimado para aplicala. Cando digo que «Si, se pode», quero dicir que é factible con independencia de que no futuro teña que ser mellorado porque o modelo procesual para atender as accións colectivas aínda é moi deficiente, e no futuro haberá que perfecciónalo para que non sexa tan tortuoso.

-¿Percibe que está xerando rexeitamento na Xustiza galega esta gran demanda colectiva?

-É a primeira vez que sucede algo así en España. Dende a Fiscalía expomos unha demanda colectiva cun escenario de execución de sentenza individual. Moitas veces o que asusta é que de súpeto 40.000 ou 50.000 persoas, nun proceso de consumo, teñan que pasar por un xulgado para recibir un auto xudicial que lle recoñece os efectos da sentencia favorable. A veces temos a sensación de que a Xustiza non está preparada para a demanda colectiva das preferentes.

-Di que todas as sentenzas presentadas de maneira individual foron favorables, agás un par. ¿É un raio de esperanza?

-Efectivamente. Dende o punto de vista individual, os argumentos se reiteran. Por iso, a posición da Fiscalía é que non precisamos 40.000 sentenzas que digan o mesmo. Eses argumentos se reiteran cun patrón común e entendemos que se pode ditar unha sentencia que aglutine todas estas circunstancias.

-¿Por qué esta demanda non ten un efecto chamada noutras comunidades?

-Tivemos unha reunión de fiscais superiores de toda España e cada unha valorou na súa conveniencia non acudir a este tipo de demanda.

-¿Ten datos para crer que as entidades galegas deron información nesgada aos clientes?

-Á hora de comercializar este produto se puxeron en énfases as bondades e se ocultaron os aspectos negativos como que eran perpetuas, que dependían da solvencia da entidade e que os intereses estaban condicionados a que a entidade tivera rendibilidade. As sentenzas o que declaran ata o de agora é un vicio de consentimento baseado nun error de información.

-¿Teñen probas que demostren que directivos ou empregados tiñan ordes de vender a toda costa as preferentes?

-Temos un correo electrónico, que xa foi presentado no Xulgado como proba, e que recolle as instrucións que por parte dun xefe territorial se lle daba aos directores de sucursais. Isto é acreditativo de cómo se presionaba aos propios directores.

-¿Está supoñendo unha loita para a Fiscalía lograr que o Xulgado admita a demanda?

-O que temos que tratar é de convencer, máis que de loitar, aos órganos xudiciais das teses que sostemos na Fiscalía. Entendemos que estes argumentos están avalados polas directivas comunitarias e polo propio Tribunal de Xustiza da UE.

-¿Cree que este preito é agora máis que nunca necesario para constatar a solvencia da Xustiza española no estranxeiro?

-O creo firmemente, sobre todo para resolver o que serán os grandes preitos deste século, que serán de consumo e afectarán a miles de persoas como consecuencia da comercialización de produtos defectuosos.

-¿Está sorprendido de que os galegos afectados polas preferentes non rompan a paz social?

-Creo que a sociedade afectada por este drama social está demostrado unha gran madurez, en parte pola confianza que ten na Xustiza para que restitúa a situación de normalidade. Esa é a única esperanza que lle queda.

-Se esta demanda colectiva prospera, ¿qué castigo poden ter os responsables das entidades?

-Trátase dun preito civil, polo tanto a entidade galega estaría obrigada a restituír os depósitos dos afectados. Os responsables de todo isto, ao estar pola vía civil, non terían culpa. Iso chegaría pola vía penal, pero non está exposta de momento.