«Non diría que a FP a distancia en Galicia é un fracaso, pero si que é moi mellorable»

T. M. REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

Jesús Arribi di que Galicia está na FP 1.0 cando xa se traballa doutro xeito noutros lugares

05 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Jesús Arribi (Las Palmas, 1972) actualmente traballa como profesor nas illas Canarias e a o ano pasado defendeu a súa tese sobre o desenvolvemento da FP a distancia en Galicia.

-Di que os contidos son unha gran eiva.

-Un compañeiro comentoume que nun módulo sobre deseño de aplicacións para teléfonos móbiles están estudando un sistema operativo que se chama Symbian, que xa non ten practicamente ningún teléfono. Se obrigan a usar contidos que non están actualizados e conteñen erros. Están ensinando cousas que están obsoletas.

-¿A carga para os profesores é maior?

-O seguimento dos alumnos é moito máis complicado: hai que conectarse continuamente para dar feedback e obter feedback... Hai que pensar en prácticas para alumnos que non tes diante, que están en remoto.  

-Á vista dos datos... ¿a FP virtual en Galicia é un fracaso?

-Non diría un fracaso. É unha aposta necesaria en Galicia. Un fracaso non é, pero é moi mellorable, e ademais con cousas que non son difíciles de facer. Deseñar un sistema de actualización de materiais e de contidos non é complicado nin tecnoloxicamente nin a nivel organizativo, por exemplo.

-Semella que os estudantes, no que a ferramentas se refire, son máis adiantados que os docentes.

-É que os profesores moitas veces non teñen marxe de manobra. É un deseño moi ríxido, e unha das características do e-learning é a personalización, que implica flexibilidade, cousas como poder escoller itinerarios para un alumno ou planificar as sesións presenciais.

-¿Que é o máis urxente que hai que mellorar?

-Primeiro de todo o tema dos contidos, que é demencial. Habería que implicar máis ao profesorado no deseño das ensinanzas. Hai que mellorar a información ao alumnado e o nivel formativo do profesorado e traballar menos con ferramentas tan pechadas como o Platega.