«Ir a clase é desenvolverse como persoa»

EDUCACIÓN

A orientadora do CEIP Barrié de la Maza, de Santa Comba, explica que o protocolo ten como obxectivo protexer ao menor

20 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O protocolo de absentismo escolar ten como obxectivo básico protexer ao menor. Explícao a psicóloga educativa e orientadora do CEIP Barrié de la Maza, de Santa Comba, Begoña Castro.

-¿Por que é importante controlar o absentismo?

-A ausencia ao centro escolar ten que estar debidamente xustificada, sobre todo nas etapas de educación obrigatoria. Non só pola aprendizaxe, senón polo seu desenvolvemento, para integrarse na sociedade e para aprender habilidades sociais.

-Porque ir á clase en realidade non é só ir a clase.

-Ir á clase é desenvolverse como persoa, adquirir habilidades sociais, saber estar integrado nun grupo, saber relacionarse cos demais, medrar en moitos sentidos e desenvolver a intelixencia emocional. Hai moitísimas cousas máis que os contidos.

-¿Por que se produce o absentismo?

-Os casos que me teño atopado nos que se activou o protocolo de absentismo adoitan ser, maioritariamente, con familias desfavorecidas e ambientes marxinais. É moi importante saber o que hai detrás para poder garantir esa asistencia e tamén para protexer ao menor, porque non sabemos por que non asiste. Pero cada caso é diferente e non se pode xeneralizar.

-¿É bo que os nenos repitan nos primeiros cursos de primaria?

-Repetir é unha medida excepcional que se toma logo de esgotar as medidas ordinarias de apoio e de reforzo. É unha decisión que non se toma á lixeira e na que se teñen en conta moitas cousas, tamén a dimensión social. Ademais, non se dá ás primeiras etapas a importancia que teñen, son cursos moi importantes porque maduran e sentan os alicerces de toda a súa aprendizaxe posterior.