Miguel Ángel Santos Rego: «Deberiamos ter unha axencia para vincular investigación e docencia»
EDUCACIÓN
O editor da terceira entrega do informe sobre «Investigación educativa en Galicia» propón un Instituto de Investigación Educativa de Galicia como correa de transmisión entre universidade e aula
14 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Profesor e investigador durante décadas, Miguel Ángel Santos Rego é o editor da terceira entrega do informe sobre Investigación educativa en Galicia (2002-2014), que vén de publicar Galaxia e que completa trinta anos (dende 1989) de estudos universitarios sobre os máis variados aspectos da docencia galega. Isto permítelle a Santos Rego ter unha visión xeral do que acontece na educación galega, e moitas ideas para mellorala.
-Trinta anos avaliando a investigación educativa. Que conclusión destacaría?
-Non é un traballo só meu, se non de 40 investigadores repartidos en doce áreas de coñecemento. E temos moitas conclusións, claro, pero eu destacaría que a investigación educativa galega está a un nivel no só digno, se non tamén importante no marco español e internacional. Galicia sobresae do conxunto do Estado, temos artigos nunha porcentaxe moi importante en revistas de medio-alto recoñecemento a nivel mundial, o que se denomina de impacto. Nos últimos anos notouse unha mellora neste sentido, moitas veces vinculada ao financiamento [hai que publicar en revistas de prestixio para optar a becas e axudas].
-E por que non os coñecemos os galegos?
-Pode ser unha cuestión de carácter, non gustamos de presumir. Fallamos no marketing, pero agora fanse traballos moi interesantes.
-Di no informe que un país sen investigación educativa perde reputación e faise dependente.
-Estou convencido do que digo: aqueles países que teñen máis e mellor investigación social e educativa ofrecen patróns, ideas, que serven ao sistema educativo á hora de presentar programas e plans en sintonía coas prioridades que se queren marcar, ademais de detectar deficiencias.
-Seica ás veces o traballo que se fai en investigación non chega á aula, e viceversa.
-Hai algunha que si chega ou que está feita nas aulas, pero esa é a cuestión, e ten moito que ver coa historia do territorio. Por iso creo que deberiamos ter un organismo para vincular investigación e práctica docente, un Instituto de Investigación Educativa que sirva de correa de transmisión entre universidade e aula para que camiñen xuntas. Un catalizador das investigacións que tamén marque prioridades en ambos os dous campos. E pór en marcha esta axencia non é un problema de cartos.
-E unha queixa frecuente: o que se fai non se avalía cientificamente e o que se investiga non cambia as cousas nos colexios...
-De aí a importancia dese instituto, que redundaría en beneficios extraordinarios: necesitamos unha axencia que marque os obxectivos máis concretos e os problemas reais.
-Por onde cre vostede que ten que ir a investigación educativa?
-Ó máis importante atinxe ao éxito educativo, a calidade do profesorado, a facer da universidade unha institución máis educativa e non tan instrutora e afondar nas didácticas aplicadas.
-Cando fala de «éxito educativo» se refire a...
-A que todos e cada un dos aprendices alcancen o máximo do que poidan alcanzar segundo a súas capacidades. É para iso hai que fomentar a calidade da escola e a súa equidade. Aínda que os informes como PISA din que non nos vai mal de todo, temos que mellorar en mobilidade, a aprendizaxe de linguas, a educación das familias e pechar a fenda dixital.