Rafael Louzán: «O pacto vaise facer se o Bloque non quere desaparecer aquí»

Carmen García de Burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

ELECCIONES 2016

CAPOTILLO

O presidente provincial de Pontevedra afirma que o acordo é «sen condicións»

30 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Rafael Louzán (Ribadumia, 1967) non vai deixar a presidencia da Deputación de Pontevedra sen gastar todos os cartuchos. Incluso o dun pacto co Bloque.

-Propuxo o pacto co BNG sabendo que non tiña case ningunha, ou ningunha, posibilidade de prosperar. ¿Por que?

-Home, ningunha... eu diría, que, de momento, todas estas circunstancias, ata a constitución da corporación provincial, están abertas. Está claro que o PP ten máis deputados que ningunha outra forza, e tal como está a lei electoral neste momento hai un partido que decide quen goberna, e ese partido tivo un entendemento co PP durante os últimos 8 anos moi bo. Este pacto sigue aí, e imos esperar a ver que sucede. O BNG debería reflexionar, porque o pacto que o PP propón é sen condicións, e aínda queda moito camiño por percorrer. É un pacto natural de Galicia, e sei que nalgún momento se vai producir se o Bloque non quere desaparecer.

-Lores rexeitouno tallantemente.

-Eu sigo abrindo portas e non pechando ningunha. Eles saberán e o tempo porá e quitará razóns.

-¿Cre que o Bloque fala dende arriba cando é tan tallante?

-Probablemente, porque fala dende o punto de vista da filosofía de partido, pero deben ser conscientes da súa realidade: nas cidades nas que pactaron co PSOE acabaron sendo eliminados.

-Vostede e varios alcaldes temen que a nova presidencia beneficie a uns concellos pola súa cor, pero esa mesma crítica fana algúns concellos respecto á Deputación actual.

-Hai unha magnífica relación con case todos os alcaldes da provincia, independentemente de cal sexa o seu color político, e excepto matices o PP actuou sempre buscando o consenso. E calquera matización é máis de interese político que de realismo, porque fixemos actuacións en todos os municipios.

-Unha palabra que defina a Lores.

-Unha persoa popular que logrou alcanzar un obxectivo, que é manter o goberno nacionalista, non sempre gañando as eleccións, en Pontevedra. Dende o punto de vista persoal é unha persoa moi moi afable.

-¿E a Caballero?

-Contra prognóstico, logrou que a confrontación e o localismo foran a bandeira de apoio electoral cara el. En circunstancias normais non tivera sucedido, pero aquí déronlle un resultado que non é xustificable.

-Falando do 24M, ¿que fixo mal o PP para obter eses resultados?

-O que fixo ben é que este país hoxe ten futuro. Cando o deixou o PSOE era un país en creba, en ruína; a nós sempre nos toca o máis difícil, e fíxose. Probablemente non se comunicou ben en primeiro lugar; e en segundo, as medidas difíciles que nos tocou implementar non foron entendidas polos cidadáns. O partido estaba ante unha disxuntiva: ¿salvamos o país, ou as cores do partido? E o presidente optou polo primeiro, incluso aínda que algunhas das medidas foran impopulares. É certo que este partido, que actúa con moita nobreza, puido ter reformado unha lei electoral -e non o fixo, por segunda vez consecutiva- que garantira estabilidade política e económica.

-Vostede di que «terá dimitir quen deba dimitir». ¿Quen?

-O problema non é quen debería dimitir, o problema é que a rúa nos dixo que o PP ten que facer cambios de persoas e de actitudes. No horizonte máis próximo si que ten que haber movementos e vainos haber, estou seguro. Cada un ten que saber que ten que facer en cada momento.

-¿Que actitude debe cambiar?

-Estar ao mellor máis cerca, porque nos ocupamos só da xestión, no que non nos gaña ninguén. Pero non é suficiente.

-¿A que se vai dedicar agora?

-¿A que vou dedicar o meu tempo libre? [ri]. Hai moitas cousas que facer, e non tiven tempo para nada nin para ninguén que non fose a xestión desta institución. A miña situación non ía ser eternizarme en ningun posto.

-Parte do seu futuro máis próximo pasa pola Federación Galega de Fútbol. ¿Vese en Madrid?

-A Madrid vou cada pouco [ri]. Xa iremos vendo que vai ocorrendo no futuro. Primeiro quero sanear esta casa e poñela en orde, e unha vez feito seguro que teremos máis cousas para facer, ben aquí ou onde se nos pida. Estaremos sempre abertos a todo.

-¿Hai máis corrupción no fútbol ou na política?

-Non sabería dicirlle, pero temos que loitar contra ela.

-¿É este o seu peor momento como político?

-Non sei, porque o PP volveu gañar as eleccións. Pero, aínda que o PP tivera obtido os resultados que eu quería, probablemente quen lles fala houbera estado un tempo pero tiña enfocado que a política non é eterna, e no meu caso estaba no seu tramo final.

-¿Tería acabado o mandato?

-Probablemente non. Sabía que estaría durante un tempo e logo habería que facer un relevo natural e nada traumático.