Historia local da infamia

Xosé Allegue ARQUITECTO

FERROL CIUDAD

26 ene 2012 . Actualizado a las 13:08 h.

Como nun dos relatos borxianos, escríbese nestes intres unha das máis tristes páxinas da recente historia local: o derrubo da Fábrica de Lápices. Nun xesto miserable e como si se tratase dunha vinganza de opereta, a piqueta ensáñase en primeiro lugar cos símbolos do que quere destruír: a cheminea e o logotipo fraternal que portaron os lápices das nosas infancias.

Unha cidade como Ferrol, que decrece como consecuencia da prolongada ausencia de alternativas para tantos xóvenes, non se pode permitir perder unha nova oportunidade.

Agora se decatan algúns de que os catálogos de protección están para algo, e que se o planeamento fraquea neste aspecto incórrese en graves responsabilidades. Resistiuse a declaración BIC do Ferrol Vello ata que á presión veciñal o conseguiu. Era a única esperanza de encender o motor da rexeneración urbana, económica e social dista esquecida parte da cidade, que debería contaxiarse dunha vez por todas á Magdalena.

É gravísimo, que a inacción das administracións permita a desaparición dun patrimonio urbano, que como saben ben na Europa avanzada, é un dos máis importantes activos cos que conta unha cidade e que, debería de se converter nun factor estratéxico para o seu desenvolvemento económico.

Dan vergoña allea as propias limitacións da promotora, que demostra ben pouca intelixencia comercial, corroborando a ausencia de promotores no noso país, que non identifiquen progreso con destrución. Tamén queda seriamente danada a candidatura do Ferrol da Ilustración a Patrimonio da Humanidade, xa feble por mor da durísima competencia con outras propostas moitísimo mellor documentadas e máis coherentes. E ademais, fai augas o próprio planeamento, que permite unha operación de vivenda colectiva no cerne de Ferrol Vello, que bloquea o mercado da rehabilitación e converte en papel mollado a própria declaración de BIC. ¿Como é posible tal cúmulo de desacertos en prexuízo do interese público? Moitas e cualificadas voces se alzaron contra esta ignominia sen que puideran traspasar a coraza de ignorancia, covardía e irresponsabilidade dos xestores públicos que podían parar a desfeita. Bótase de menos a voz dunha cidadanía e dun tecido asociativo e veciñal, que sempre fixeron de Ferrol unha cidade batalladora, comprometida co seu pasado e co seu futuro.

A asistencia á concentración cidadá convocada para hoxe diranos si o oráculo délfico convértese en premonitorio. O Oráculo de Delfos diríalle á cidade: ?Ferrol: chega a ser o que eres?. Polo momento vai ser que non.