Mario Caneiro: «A grúa pórtico da ría de Ferrol é un icono como a catedral de Santiago»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

FERROL

O escritor Mario Caneiro
O escritor Mario Caneiro XOAN A. SOLER

O escritor de Narón publica a súa novela «Happy End», un agasallo optimista

02 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Amor, desexo, rutina e olas que rompen contra a praia de Valdoviño. Todo iso aparece en Happy End, a última novela de Mario Caneiro (Narón, 1969). A obra publicada pola editorial Barbantesa espía a catro parellas co misterio do día a día.

—Este «Happy End» concede o que promete no título: historias entrelazadas cun final feliz?

—A miña literatura anterior pecaba de pesimista. E agora apetecíame que fose máis luminosa.

—A novela iníciase coa intriga de adiviñar quenes son os personaxes, require moita complicidade do lector.

—Xa me comentaron máis lectores ese pequeno xogo de saber quen é cada parella. Intentei que se familiarizasen identificando o piso de cada unha. Centreime en como son as vidas da xente do común, os seus dramas.

—Parte dunha perspectiva tipo «A ventana indiscreta» para mergullarse nas vidas amorosas?

—Si que quixen aportar esa idea cinematográfica da película de Hitchcock porque todos temos a curiosidade de coñecer como é a vida dos demais. Porque tamén iso axuda a reconsiderar as nosas relacións de parella e saber como solucionar os problemas.

—Nestas historias pesa moito a rutina. Pero tamén é un punto de partida para lanzarse á aventura?

—Temos a necesidade de aferrarnos a unha rutina ou unha fe (como un fogar ao que volver), pero tamén de saltala para darlle luz ás nosas vidas.

—Eses amores e desamores desenvólvense por Valdoviño, Ferrol, a paisaxe de Fene.

—A maior parte da historia transcorre nunha pequena cidade coa que todos non sentimos recoñecidos. E despois foi a lugares significativos para min como Valdoviño ou Fene, con esa paisaxe dos que retornan a Ferrol e que serve de magdalena de Proust.

—Fala de Ferrolterra como a comarca moribunda por excelencia.

—Moribunda, pero resistente. Cando escribín iso mandeillo a dúas persoas, unha víase recoñecida e a outra parecíalle que falaba mal da comarca. Pero en ningún momento foi a miña idea, era unha reflexión sobre a historia de Ferrol. Sobre o seu ensimasmento do que agora empeza a saír. Ferrol nace do Estado e iso condicionou a súa socioloxía.

—Vive en Santiago desde hai anos. A 100 kilómetros mantense a morriña da ría de Ferrol?

—É inevitable, o sitio onde naciches é como a familia: podes ter as túas propias crenzas pero o lugar de nacemento te vai conformando. Na distancia é inevitable ter nostalxia da comarca, do mar e das xentes. Sempre tes morriña dela cando vives fóra.

—A comarca xa é un símbolo?

—Para min ten máis importancia que a cidade. Ferrol como núcleo urbano non me crea eses sentimentos, a nostalxia chega pola súa contorna. Crieime nas Casas do Vispo (Narón): un barrio obreiro da xente do aluvión. Eu son de Valdoviño, de Villarrube.

—Narón está formada por familias campesiñas que se convertiron en obreiras.

—O meu barrio era un pequeno ente multicultural, con xente de Vilalba, Valdoviño... Na Gándara xa había xente nacida alí, pero no resto chegamos de fóra.

—Por que vive en Santiago?

—Por traballo (son funcionario) e porque ás veces necesitas alonxarte do que queres para sentirte máis libre.

—Que lecturas marcaron a aquel Mario neno que vivía en Narón?

—Empecei con Mortadelo como case todo o mundo, e Julio Verne gustábame moito na primeira infancia. Máis adiante marcáronme El camino de Miguel Delibes (aínda sendo a historia dun neno moi anterior a min, sentinme identificado con el), e Vento ferido de Carlos Casares.

—Cando regresa á ría que sente ao ver o pórtico de Fene?

—A grúa pórtico da ría de Ferrol é un icono, como a catedral de Santiago ou a ponte de Rande. Define a unha cidade industrial que vive do mar. Cando vexo as jackets vexo que a cidade segue viva. A grúa é un símbolo da permanencia da ría de Ferrol.