Murais

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

FENE

Hugo Lomas, en el centro, durante su participación en el Perla Mural Fest
Hugo Lomas, en el centro, durante su participación en el Perla Mural Fest José Pardo

06 feb 2024 . Actualizado a las 09:42 h.

mural de Fene premiado polo portal Street Art Cities é unha marabilla como proposta artística, pois soubo ver nunha secuencia de xanelas de patio de edificio o traste dun violín, completándoo co resto do instrumento e coa persoa que o interpreta. Non é o único mural fermoso de Galicia, pero demostra como se pode disimular coa arte unha aberración urbanística.

O problema é que en Galicia cóntanse por miles as aberracións, moitas veces provocadas polos propios plans de desorde urbanístico, que permiten siluetas urbanas faltas de sentido, e nese senso levan moitos anos traballando en Carballo, unha das cidades máis caóticas no desenvolvemento urbanístico no século XX. Tamén hai experiencias en Ordes, a través do programa Desordes Creativas, e ultimamente en Rianxo co programa Viladomar, levado a cabo pola asociación cultural Ondiñas Mainas, con axudas das Administracións todos eles. Xa hai quen di que algunhas das propostas son como maquillar a mortos, xa que o problema urbanístico persiste, e o único que se fai é velo engalanado por unha representación artística.

Pero, como dixen antes, son miles as medianeiras que hai á vista, levamos cincuenta anos destruíndo as siluetas tradicionais con modelos urbanísticos de curto alcance e pouca pretensión ordenadora. Como propostas artísticas están ben, e aínda poden ser un atractivo turístico, pero aínda non lle buscamos solución á desfeita que temos no país, froito de tanto «ti vai facendo». Ou promovemos propostas máis científicas ou seguimos maquillando mortos e atraendo turistas a ver como desfixemos a herdanza.