Os Grelinda, unha familia de cine

ana f. cuba MONFERO / LA VOZ

MONFERO

CEDIDA

Greliño, Nabiza, Grelo e Nabo son os personaxes da curta creada no colexio do Xestal

05 nov 2016 . Actualizado a las 09:27 h.

Greliño estuda no CPI Plurilingüe Virxe da Cela que, como é un nome tan longo, todos coñecen como o colexio do Xestal. Alí tamén se formaron súa nai, Nabiza, e seu pai, Grelo. O avó materno de Greliño, Nabo, non foi á escola «porque daquela aínda non a había», pero mandou á súa filla. «Alí ensináronlle a ler, sumar e, o máis importante de todo, a ser persoa e a saber andar polo mundo», subliña o avó na curtametraxe A familia Grelinda. A peza creada o curso pasado por alumnos e docentes do colexio do Xestal quedou finalista no sexto Certame de Cinema OUFF Escola, enmarcado no Festival de Cine Internacional de Ourense.

O proxecto xurdiu no obradoiro sobre creación de contidos multimedia impartido por Yolanda Castro, responsable de Normalización Lingüística no CPI de Monfero. «O ano pasado celebrabamos os 40 anos do centro, buscamos algo significativo da zona e collemos os grelos, o leitmotiv de Monfero», conta a docente, que tamén traballa no CPI As Mirandas, de Ares. Ana Martínez era alumna deste centro e colaborou con eles no deseño dos orixinais personaxes da familia Grelinda. «Despois editamos o audio [con Audacity, gratuíto], gravamos as voces e metemos as fotografías nun programa informático que xa xera a imaxe», explica a encargada da edición e de poñerlle voz a Greliño.

Reivindicar a escola rural

Os 18 alumnos de 4º de ESO que participaron na realización desta peza audiovisual colorearon os debuxos feitos pola compañeira do CPI As Mirandas e os docentes Carmen Espiñeira (mamá Nabiza), Alfonso Salgado (avó Nabo) e Fernando Espiñeira (papá

Grelo) completaron o elenco de voces. O músico Fran Rey compuxo e interpretou a banda sonora desta obra que se pode ver no canal YouTube. Este singular proxecto esconde un fondo reivindicativo, en pro da educación e da importancia de manter as escolas no medio rural.

Nesta edición do certame OUFF Escola participaron 3.404 estudantes de toda Galicia, con 119 pezas, nas categorías de Infantil e Primaria (conxunta) e outros niveis de ensino non universitario, na que resultou finalista o colexio do Xestal, que xa acadara este mesmo recoñecemento o ano anterior coa peza Os obxectivos do milenio. Unha visión desde o CPI Virxe da Cela.

Camino Pereiro, directora do centro, enumera os obxectivos deste concurso do Festival de Cine Internacional de Ourense: «O fomento da participación do alumnado en proxectos audiovisuais, impulsar a creatividade, o traballo en equipo e o uso do idioma galego». «Tamén pretende potenciar a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas», engade.

As historias de Greliño

Greliño, Nabiza, Grelo e Nabo non só cobraron vida na curtametraxe A familia Grelinda, senón que deron pé a diversas actividades no colexio. «Os nenos de terceiro da ESO axudaron tamén a colorear os debuxos e presentaron o vídeo aos alumnos de Primaria, que fixeron as súas historietas cos personaxes da familia Grelinda, na feira do Xestal, recollendo patacas...», destaca Yolanda Castro, coordinadora desta iniciativa, que acabou implicando a todo o centro educativo.

De feito, Greliño converteuse nun neno do rural menosprezado no seu novo colexio, como imaxe das vítimas de acoso escolar, a través do grupo de traballo constituído no CPI para abordar este fenómeno. Cando os fillos e os netos de Greliño vaian á escola, alguén lles lembrará que os seus devanceiros foron protagonistas dunha curta que acadou o recoñecemento internacional.