Modesto Hermida: homenaxe

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

FUGAS

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Modesto Hermida García (Vales, San Cristovo de Cea, 1946), doutor en Filoloxía Galega, exerceu como mestre nacional, como catedrático de Galego en varios institutos, como catedrático de Literatura galega na Escola de maxisterio e como inspector de Ensino secundario, función que desempeñaba nas datas da súa xubilación profesional (3-5-2012). Nestes tres anos non se xubilou como investigador literario nin como poeta. Como investigador segue no eido da narrativa galega do XIX, tema da súa tese de doutoramento (1995), e como poeta ten publicado textos que non desmerecen das mellores páxinas de No fío da navalla (2010), libro co que terán que contar os futuros antólogos da nosa poesía contemporánea.

Hai tres anos un grupo de colegas acordamos homenaxear ao noso compañeiro cunha colectánea de textos e estudos que mañá, sábado, 25 de abril, se presentará «nun céntrico local de Vigo». Titúlase o volume Homenaxe a Modesto Hermida e ten como antetítulo Polos vieiros das palabras, o que xa é un achegamento á personalidade literaria do homenaxeado, vello amigo da causa da palabra.

Como noutros volumes deste xénero, hai un capítulo preliminar co currículum persoal e profesional e a bibliografía. O groso da publicación son dez estudos lingüístico-literarios asinados por Ana Acuña, X. Alonso Montero, Gregorio Ferreiro Fente, Manuel González, Esperanza Mariño, Alfonso V. Monxardín, X. Neira Vilas, Arturo Reguera, Anxo Tarrío e Xosé M. Vélez Latorre.

Hai no volume unha sección de poemas, uns dedicados ao homenaxeado e outros sobre el, como o de Luís González Tosar, Viño que chama, con este final: «Bebo contigo, camarada altivo, / á túa saúde de pintor da luz / e quero que me aprendas / o entusiasmo que remanece sempre / da palabra túa en irmandade». É excelso o poema de Arcadio López-Casanova, Otero Pedrayo pasea polas rúas de Compostela, dedicado «A Modesto Hermida, dende a amizade». Un dos capítulos ofrece varias semblanzas da personalidade intelectual de Modesto Hermida, unha moi completa, de Xesús Ferro Ruibal.

O volume, ao coidado de Alonso Montero e Antón Pulido (autor de axeitadas ilustracións), foi publicado por Bieito Ledo en Ir Indo Edicións (Vigo).