O mar invade este primeiro traballo de Pablo Vidal Trío, «Jazz pagano», no que o xénero nacido nos clubes únese coa tradición galega. É o primeiro disco dunha tetraloxía e o mércores comeza a xirar polas salas
01 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O vilagarcián Pablo Vidal (Bilbao, 1966) lidera como compositor, e ao contrabaixo, un trío no que ten como compañeiros a Gabriel Peso, ao piano, e Noli Torres, á batería, cos que coincidira noutras formacións.
-Levan un ano xuntos e xa gravan un disco.
-O que fixemos tocando xuntos foi unha especie de preparación, de ensaio, tocando en jams, facendo concertos máis minoritarios do que pensabamos facer, pero como tocamos noutras bandas tiñamos a necesidade de facer os nosos propios temas. Era unha necesidade imperativa, máis aló do resultado. O disco está gravado practicamente sen ensaiar.
-Son oito temas.
-Si, teño máis, pero irán noutros cedés, porque vai formar parte dunha tetraloxía. Este primeiro está dedicado ao mar. A temática é unha viaxe polo mar, con momentos bos e malos como a vida. O contido plásmase na pintura de fixo Xaquín Chaves para a cuberta, co que fixera un traballo que está sen publicar. Estou compoñendo xa para o seguinte, que estará dedicado á terra. Neste quixen facer un experimento, mesturar a música tradicional galega co jazz.
-Contades con Uxía.
-No Alalá das sereas, que é unha letra tradicional musicada por Uxía e por min e que emula o canto dunha serea no mar. É unha mestura entre alalá e jazz. Ese tipo de mesturas vense no flamenco, na bossa nova, e tiña gañas que facer iso coa nosa música. Nós tocamos jazz, pero somos todos galegos e a nosa tradición é galega. Non nacemos en Nova Orleáns.
-Só se aprecia nesa peza.
-En dúas, pero nós o que facemos é jazz internacional.
-Chámanlle pagano.
-Iso ten unha lectura moi sinxela, que é que recolle as sílabas dos nosos nomes, pero tamén, pola miña parte, que intento non facer un jazz académico. Son o único dos tres que non rematou o grao superior no Conservatorio e intento facer un jazz máis de tradición, porque o jazz naceu nos clubes, non nas escolas. Hoxe en día toda a música é demasiado académica. Intentei tirar da experimentación para buscar novas sonoridades, atopar a nosa sonoridade atlántica.
Concertos
A CORUÑA. Jazz Filloa. Mércores 6 de maio. 22 e 23 horas. 5 euros
O GROVE. Náutico de San Vicente do Mar. Sábado 9 de maio. 20.30 horas. 5 euros