Estevo Creus: «Pouca xente pensa que a poesía pode facer rir, que é algo moi necesario»

FUGAS

Álvaro Ballesteros

O territorio marca ao poeta. Na obra de Estevo Creus (Cee, 1971) están as areas das praias, os cantís e ata a sombra das baleas. Militou no Batallón Literario da Costa da Morte, unha formación que foi esmorecendo pero do que conserva amigos feitos naquelas batallas de palabras

03 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unha muller que non coñecía / quixo venderme trescentos buracos e un aroma. / Aquel día / saqueille un peixe de debaixo do sombreiro / E metinllo por entre os ollos. / Que bonito / -dixo- / o día e moi bonito». Versos de Estevo Creus, do seu libro Decrua (2003), un poeta que levaba dez anos «un pouco apartado» do balbordo literario. Mañá, 4 de xullo, actuará no Centro Galego de Arte Contemporánea, improvisando versos, mentres Pablo Seoane, ao piano, improvisará música: «Porque é un espectáculo de improvisación musical e poética, e por iso nunca é igual».

-Xa actuaran xuntos?

-Unha vez en León, e tamén en algún pub... Será a cuarta improvisación musical, xestual e poética. Hai uns textos base, pero transfórmanse en función do lugar onde actuamos. Estes versos non están publicados en ningún sitio, mantéñense vivos desta maneira.

-Sendo de Cee, estaba obrigado a escribir algo de baleas?

-Si que estaba moi ligado a iso. Ademais de que estaba alí a factoría vivín moitos anos coa señora que era cociñeira da baleeira. É un animal que usei para explicarme a min como persoa, tamén o que somos nas nosas relacións co entorno físico, co entorno máis profundo do océano de cada un... Teño un texto na editorial Positivas, para nenos, textos poéticos que se chaman Balea2. Paco (Francisco Macías) é un editor decente e arriscado...

-Tamén vostede estivo no mundo da edición, non?

-Aquela editorial era Letras de Cal, a finais dos anos noventa. Eu era un socio máis e estaban Rafa e Miro Villar... Eramos uns 20 e a idea era publicarlle a xente que non tiña nada publicado e eran voces que había que sacar á rúa. Eses problemas da edición...

-Sigue sendo difícil publicar, sobre todo, poesía?

-As editoras non o están pasando moi ben. Vender libros é cada vez máis difícil, e vender poesía aínda máis. De vez en cando unha editorial publica algún poemario por aquilo de manter a poesía.

-Por iso gañaron espazos os recitais poéticos?

-Pois non sei. Levo retirado do mundanal ruído case dez anos, estiven traballando en dous proxectos que non me gustaron e están no caixón. Creo que cada vez hai máis recitais. Desde hai dous ou tres anos a xente moi nova é a que fai recitais de poesía. Aí é onde se ve que hai xente que crea, que ten gañas de crear, que fai poesía moi diversa, moi ligada ao humor. As veces parece que humor e poesía non casaban ben, non é a imaxe que se ten, e pouca xente pensa que a poesía poda facer rir, que un ámbito moi necesario... De todos os xeitos, o que vamos facer o sábado Pablo Seoane e eu no CGAC é un ladrillo duro de roer, non é un espectáculo de humor.

-Non pensará que a poesía é un «ladrillo»?

-O que digo é que este é un espectáculo no que non hai concesións; é unha enumeración sobre os lugares, non é unha búsqueda «de lo bonito», senón de outros aditamentos que poden ser moi interesantes....

-Por que esa década de paro?

-Son dinámicas persoais, un escribe cousas e non está contento. Calquera persoa que escribe, ou toca, sigue traballando nas súas cousas, aínda que non publique ou non actúe. Non é algo consciente.

-Gañou algunha batalla ese Batallón Literario?

-Eu  sempre andiven por aí nas cousas, non en primeira fila. O Batallón Literario era unha forma de articularnos nun territorio con unha xente, ter amigos, era algo máis alén da poesía, da escrita. Durante un tempo funcionou, logo foi esmorecendo, gardo moi bos amigos que daquela época.

-Que pegada ten o territorio na súa poesía?

-Marca moito, non podo concibir a poética sen o territorio que habitei de neno e que sigo habitando de adulto. Dáche a linguaxe para explicar as cousas universais, que non se poden explicar sen aludir á praia, á area da praia, aos cantís... O territorio está sempre presente para explicar o universal, tomas eses elementos particulares para explicar o universal.

-Prepara novo libro?

-Estou traballando en cousiñas. O importante e o bonito é que de repente un se atope coa necesidade de plasmar no papel cousas. Ando traballando. Non teño nada para saír de maneira inmediata.

-Quen inflúe na súa obra?

-Un intenta buscar a súa voz, pero a voz de cada un sempre é prestada. Leo a poetas moi diversos, non so galegos, pero non quero citar, sempre queda algún fóra. A orixinalidade é algo que non existe, nin ten un valor enorme: subimos polos chanzos dos grandes autores.