«Non pretendemos ser estrelas de rock»

FUGAS

CEDIDA

«Arrieiros somos» é o segundo traballo do «falso» cuarteto Caramuxo

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:25 h.

Fernando Abreu (Vigo, 1967) é un dos clarinetistas, xunto con Xoán Carlos Vázquez, Felipe Agell e Óscar Prieto, de Cuarteto Caramuxo, formación que realmente é un sexteto e que integra tamén á percusionista Patricia Cela e ó acordeonista Marcos Padrón. Acaban de editar Arrieiros somos, e coa xira será posible atopalos en máis dun camiño.

¿Dende «Tituriru» no 2009, non é moito esperar?

Non agardamos, é o tempo que nos leva facer un disco. Débese á conciliación familiar e laboral, e tamén polo proceso de creación. Non hai un compositor no grupo, senón que se fai entre todos e é un proceso lento por necesidade.

¿Como non aproveitaron o tirón do primeiro disco?

É certo que tivemos moi boas críticas sobre todo de críticos e de compañeiros de profesión, pero fáltanos chegar ao público en xeral. Non temos aspiracións de chegar a ser estrelas do rock, pero é certo que esperas o recoñecemento do público galego.

É unha formación atípica.

Cando pensas en música galega non pensas neste tipo de formación, pero quixemos facer a música dende os instrumentos que dominamos.

As pezas volven a estar inspiradas na tradición.

Traballamos sobre melodías do Cancioneiro Galego de Castro Sampedro, pero sobre unha parte non publicada, que se recuperou grazas a unha tese de doutoramento dun amigo noso. 

¿Como é o son?

A melodía é galega e nós somos galegos, pero temos moitas influencias, unha etiqueta é difícil. No imaxinario da xente o tradicional é un concepto diferente. No folk, polo de reinterpretar a tradición, si nos recoñecemos. Pola posta en escena e os arranxos a xente dinnos que é elegante, música moi coidada, pero se o digo eu queda soberbio. Coidamos o matiz e intentamos non ser aburridos.

A factura é moi coidada.

Fixemos varios espectáculos de teatro, aprendes a estar en escena doutra maneira e debémosllo ao actor Avelino González, con quen empezamos a traballar. O noso primeiro recoñecemento foi un premio de teatro, un premio María Casares, o que é significativo.