AldaoLado: «É importante que a poesía vaia gañando novos espazos e que conviva cos contadores»
FUGAS
Seguramente teñen feito máis pola poesía neste país que ducias de sisudos estudosos e cansinos conferenciantes. Desmitificaron a súa lectura e, sobre todo, a súa escoita, e levárona a territorios bastardos pero que, mira ti por onde, propiciaron o seu encontro cun público infrecuente.
Grazas a un espectáculo fresco e áxil, cheo de humor, de música e de complicidade co público, María Lado e Lucía Aldao teñen levado a súa poesía a lugares aos que, seguro, nunca chegaría. No auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra Lado e Aldao compartirán mañá escenario con dous dos máis grandes narradores orais galegos, como son Cándido Pazó e Celso Fernández Sanmartín. Xuntos configuran un espectáculo bautizado Dá de contar a quen pasa.
«Polo que a nós respecta faremos unha parte do noso novo e recién estreado espectáculo, que se titula Pendanca e oso. En realidade é unha fábula sobre o amor pero tendo en conta onde se programa esta vez levarémolo un pouco polo tema da cultura e a lingua», explica María Lado.
A estrutura que utilizarán desta volta vén sendo a habitual nelas, «partes de contada, poemas nosos narrados con música e algún xogo co público». Recoñece María Lado que «é importante que a poesía vai gañando estes espazos» e que os poetas poidan compartir escenario con consagrados contadores. «Sobre todo se, como no caso de Pazó e Sanmartín, adoitan contar cousas que son, ao tempo, moi poéticas».
Reivindican Lado e Aldao «que a xente non lle teña medo a poesía, nin a lela nin a ir a un recital, porque pode ser moi divertida». Certo é que iso escoitámolo moitas veces, pero na súa voz e co seu sorriso adquire unha descoñecida certeza.