«Libremente» é o primeiro traballo físico dos Labregos do tempo dos Sputniks, unha formación de trío que reivindica a canción protesta e que celebra así os seus dez anos de rebeldía e de rexa conciencia sobre os escenarios
26 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.O Leo (Vigo, 1974), asociado artisticamente ao apelido con reminiscencias punkies i Arremecághona, xunto co García, coa base hip hop de integrante de Dios Ke Te Crew, e a Lydia Botana, que voa en solitario coa música mestiza de Lydia Bolboreta, veñen de xuntarse no Rapapoulo estudio, eles que presumían de non ensaiar, para sacar adiante e de maneira asemblearia, Libremente, doce pezas de contundente protesta coa que cumpren o seu ideario de que non existen fronteiras entre a arte e a acción política. Xuntos son Labregos do Tempo dos Sputniks e recollen neste primeiro disco o activismo que defenden na rúa, entendendo que a súa música «é unha vertente máis da actividade humana e ten que responsabilizarse do impacto na sociedade».
-Houbo un cambio na formación.
-Lydia veu porque marchou para a emigración Vero. Inicialmente eramos atípicos tamén, estabamos García, que rapeaba poemas de Celso Emilio, e eu, que facía versións de Suso Vaamonde, Luís Emilio Batallán e cancións de loita, porque sempre tiven a teima de recuperar a canción protesta e que non se crebase a tradición interxeracional. E ao final, con Vero, constituímonos en grupo.
-Pero máis aló das actuacións en directo, ¿xuntábanse para algo?
-Foi gradual, ao principio presumíamos de non ensaiar, de que o García e máis eu chegábamos e improvisabamos; entrou o batería e seguíamos sen ensaiar. No primeiro concerto con Vero viña para tocar dous temas e quedou máis da metade do concerto, despois empezamos a ensaiar, pero nunca o repertorio de adiante e atrás. Así é que con Vero só temos un rexistro gravado, que tamén vai no disco, que é O meu reinado, que fixeramos para o centenario de Celso Emilio.
-¿E como chegades a Lydia?
-Máis ca un grupo somos unha suma de individualidades. O García e máis eu somos máis anarcoindependentistas e a estrutura é de libre asociación, moi ácrata, xuntámonos e tocamos. Tamén nos interesa que iso se recolla e, ao marchar Vero, apostamos pola variedade: parecíanos máis enriquecedor alguén alleo ao hip hop e ao punk, que é o que nós practicamos. Coñecía o traballo de Lydia noutras bandas e xuntaba o de ter coñecementos musicais de conservatorio e o de terse que enfrontar cun instrumento novo para ela. Con nós toca a batería, aínda que é multiinstrumentista e basicamente é a que sabe música dos tres.
-Na promoción dise que sodes un «grupo guerrilla para espabilar conciencias».
-Non a damos nós, collemos un texto que nos fai ilusión de Vituco Neira [Ruxe Ruxe] e asumímolo porque tamén nos exime da responsabilidade de falar de nós mesmos, cousa que nos da un pouco de pereza e pudor.
-E contades coa colaboración de Mini e Mero no disco.
-Unha das nosas frases nos concertos é que os únicos pais éticos e estéticos que recoñecemos son Mini e Mero. Así de total é o noso amor cara aos mestres. Apetecíanos que estivesen eles e só eles.