O BNG só negociará os orzamentos se o PSOE cumpre os acordos do pleno
05 ene 2012 . Actualizado a las 21:33 h.«Non», corrixe, «non estamos negociando nada». O ex tenente de alcalde Santiago Domínguez (Vigo, 1964) ten nas súas mans a gobernabilidade de Abel Caballero, que precisa dos seus votos para aprobar o orzamento. Tenos lonxe: «Non sentaremos a negociar se o PSOE non convoca a xunta de voceiros e cumpre os acordos do pleno».
-¿Cantas veces falou con Abel Caballero dende que anunciou que quería negociar os orzamentos co BNG?
-Ningunha.
-¿Que lle diría?
-Que recapacite. Que está en minoría. Ten que restaurar a democracia no Concello.
-¿Agora non hai democracia?
-A esencia da democracia é o respecto ao que din as maiorías e o alcalde non o fai, non respecta a democracia. Non está cumprindo os acordos plenarios.
-¿Cando estaban no goberno era tan difícil?
-Non. Ambas partes cedíamos. É que nós non queremos os orzamentos que lle gustan ao BNG, senón os que necesita Vigo. Hai 2.000 familias en lista de espera para comedores e libros. ¿Como poden rebaixar estas becas en 300.000 euros?
-¿Eran mellores as contas do 2011? Poderían prorrogarse...
-Infinitamente mellores. Os prazos deben marcalos eles.
-¿Que pensa o cidadán Santiago Domínguez cando pasea pola súa cidade e a cada paso atopa un cartel de Alcaldía?
-Que non ten sentido ningún se só hai unha forza política no goberno. Houbo votación e nos abstivemos. Pero a maioría decidiu retiralos. Hai que respectalo.
-¿E que pensa o político Santiago Domínguez cando visita a pinacoteca e ve que se mudou o letreiro da Tenencia polo da Alcaldía?
-Non me preocupa. Preocúpame que a pinacoteca funcione. Ogallá puxese un cartel de Alcaldía no Arquivo Pacheco e seguise aberto. Pero a este goberno fáltalle sentido común.
-¿Dilapídase a obra do BNG?
-É normal, porque, ¿cales foron os proxectos do PSOE?
-Todas as negociacións son tensas. Hai quen pensa que vostedes van de farol.
-Non. Non estamos dispostos a que a política sexa: «Votade o que queirades e xa farei o que me dea a gana». É unha burla.
-¿O PSOE pode ter un caixón con cousas que o BNG fixo mal no goberno, facturas sen pagar ou algo para ameazalos?
-A nosa xestión está aí. Quedaron cousas sen pagar. Ocorre con todos os gobernos, porque chegas a unhas eleccións, con expedientes que non che dá tempo a tramitar...
-¿Que quedou sen pagar?
-Reformas da pinacoteca que non se tramitaron, actividades das Letras Galegas... Pero con iso non se me ameaza.
-Dende o 11 de xuño, ¿cantas veces se arrepentiu de non entrar no goberno?
-Ningunha. Foi unha decisión colectiva do Bloque. Eu defendina internamente. E vendo certos talantes nos últimos meses, non me arrepinto.
-Pero os talantes serían os mesmos que en catro anos.
-Cunha diferenza: tiñamos un pacto de goberno. Tragamos cousas pero a cidade avanzou.
santiago domínguez líder do bng en vigo