Valentín García Gómez substitúe no cargo de secretario xeral de Política Lingüística a Anxo Lorenzo, logo de ser nomeado secretario xeral de Cultura. Natural de Silleda, é licenciado en Filoloxía Galega e ata o de agora era técnico de Normalización Lingüística do Concello da Estrada (Pontevedra). É un dos grandes impulsores da Rede de Dinamización Lingüística de Galicia, un proxecto de recente creación pero no que xa están incluídos un cento de concellos de todas as cores políticas, así coma tres deputacións e mesmo o Consello da Cultura Galega.
O principal obxectivo desta rede é levar a esa Galicia de 315 concellos unha planificación lingüística axeitada a cada lugar, xa que a Administración local é un dos mellores ámbitos para desenvolver e impulsar a lingua do país.