«É razoable abrir o debate sobre o sistema bicameral»
22 jul 2012 . Actualizado a las 22:10 h.Galicia non é Valencia e Rajoy non é Zapatero, vén dicir o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo (Os Peares, 1961), neste tramo final da lexislatura. A comunidade que el goberna fixo os deberes e España, pese á conxuntura, irá mellor co líder do PP que co ex do PSOE, sostén.
-A bolsa en picado, a prima de risco en 610, o interese do bono a 10 anos rozando o 7,3 %... Semella que só falta que empece a tocar a orquestra do «Titanic».
-Esa foto dá unha imaxe de que estamos nunha situación económica excepcional, si.
-¿Non se está a afundir España?
-España está aguantando a peor situación, probablemente, dende os pactos da Moncloa [1977]. Cando se fai unha mala política económica, hai logo un espazo de tempo que non se ve, pero está aí e ten efectos contundentes. Do mesmo xeito que, cando se empeza a enderezar o rumbo, hai un prazo no que tampouco se aprecia. Por coller o símil do Titanic, cando o barco empezou a virar, pois non foi quen de esquivar o iceberg.
-¿E o vai esquivar España agora?
-Eu confío en que si. O que é evidente é que a política dos últimos oito anos conducíanos claramente cara ao precipicio.
-Vai morrer Zapatero e, no funeral, en lugar de flores, van seguir tirándolle pedras...
-¿Vaime dicir que, tras oito anos, a responsabilidade do déficit público, da burbulla crediticia... é dun Goberno que leva 180 días? Honradamente, neste momento estamos a pagar unha inconsistencia e unha frivolidade coas contas públicas histórica.
-Xa que fala de herdanzas, igual no crac de Valencia o PSOE moita culpa non ten, ¿non lle parece?
-Cada un é responsable das súas competencias, do seu.
-É dicir, Camps foi frívolo tamén.
-Se a situación de Valencia é a que parece, é evidente que alí non o fixemos ben, sen dúbida. Pero é a política económica socialista a que levou a España ao borde da quebra. E agora temos que levantar da ruína a este país.
-¿Intúe riscos de intervención, de rescate total a España?
-O Goberno central está traballando para que iso non ocorra.
-¿E de eleccións anticipadas?
-Iso sería, na miña opinión, dimitir das responsabilidades. A enorme confianza que os españois puxeron neste Goberno é para que adopte as decisións que outros non levaron a cabo. Os políticos temos que estar para desgastarnos nós, non ao país.
-¿Pode asegurar que Galicia, a diferenza do que acaba de facer Valencia, non vai solicitar o rescate ao Executivo español?
-Galicia, e a maioría das comunidades non poden dicir isto, está blindada contra a intervención e non vai pedir ningún tipo de rescate. É a autonomía máis solvente de España, grazas ao que fixemos nestes tres anos.
-En España hai recortes sociais, incremento da presión fiscal, rebaixas salariais, paro... ¿Non entende que a xente estea ao borde da insubmisión?
-Sorpréndeme que os cidadáns se deixen acompañar por aqueles que nos levaron á ruína, os señores do PSOE. É como se os afectados polas preferentes protestaran acompañadas dos anteriores directivos das caixas. Pero, dito isto, ¿como non vou entender eu a indignación da xente? Aceptamos as manifestacións con absoluto respecto. Tamén digo que hai que saír adiante, que non hai outra e que, cando adopta estas medidas o Goberno, é porque non ten outra alternativa mellor, outra válida.
-¿De verdade que non había de onde recortar antes que tocando as prestacións por desemprego ou o sistema farmacéutico? O Senado, as deputacións, os aeroportos sen viaxeiros, o Gaiás e outros símbolos de dispendio... seguen estando todos aí.
-Os aeroportos sen viaxeiros non os fixemos nós e están sen pagar. E é perfectamente razoable abrir o debate sobre a necesidade de un sistema bicameral en España ou sobre as competencias das Administracións locais e o seu solapamento. Sempre se pode facer máis, pero o feito ben feito está.
-¿Parécelle que estea ben feito, que sexa responsable, que un ministro de Facenda pase dous días dicindo: «Non hai cartos»?
-O que me parece responsable é que un ministro de Facenda advirta aos españois do grave problema que ten o seu país. Os exemplos son opinables.