Di que Navantia «pode» firmar con Venezuela un contrato para Ferrol
22 jul 2012 . Actualizado a las 22:11 h.Núñez Feijoo regresou este xoves dunha xira de sete días por catro países de Sudamérica cuxos froitos defende con enerxía.
-Din os partidos da oposición que foi unha viaxe electoralista, baleira de contidos...
-Tamén me chamaron mariachi cando fun a México e volvín co acordo estratéxico con Pemex para o naval galego. Polo tanto...
-Polo tanto, ¿que? ¿Que trae?
-No institucional, traemos contactos directos cos presidentes de Colombia e Uruguai e co gobernador dun dos estados máis importantes do mundo, o de São Paulo. E, no económico, vimos con toda unha axenda aberta co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de Colombia, cun acordo en materia de pesca importante, e tamén con contactos firmes con Repsol Sinopec, a empresa socia de Petrobras, a quinta petroleira do mundo. Esta mesma mañá falei co seu presidente e mandoume algún documento para iniciar conversas a efectos de posibles ofertas e contratacións no ámbito do naval. E se obteño a confianza dos galegos, na seguinte lexislatura xa adianto que viaxarei máis porque neste momento hai dous obxectivos fundamentais: equilibrar as contas públicas e exportar, vender fóra.
-Do cal se deduce que xa non viaxará máis ata despois das eleccións.
-Non, eu non dixen iso. Se xurde algunha oportunidade interesante antes...
-Desta xira, máis alá de botar esas redes, ¿vén con algunha captura?
-Normalmente, aos países hai que ir varias veces antes de pechar algo e, probablemente, o conselleiro de Industria regrese a Colombia e a Brasil.
-¿Por que non visitou Venezuela, finalmente?
-Porque non era necesario.
-¿Sabe que o día en que vostede tiña pensado aterrar alí, o xoves, había en Caracas directivos de Navantia intentando vender barcos a Hugo Chávez?
-Si, claro, por suposto.
-¿E non facía falla logo a súa presenza alá, apoiando?
-O ministro de Defensa xa se pronunciou en España sobre o tema, co cal era innecesaria a miña presenza alí, que en principio, si, estaba prevista.
-Si, Morenés dixo que Chávez é hoxe un «gran amigo de España». ¿Como se chega a ser iso sendo hai nada un inimigo antidemócrata pseudoterrorista?
-Non pregunte sobre iso, que eu non o dixen. Simplemente digo que podemos prestar servizo ás necesidades navieiras dun país que é Venezuela.
-¿A curto prazo, pode saír algo de aí, de ese «servizo», para os estaleiros da ría de Ferrol?
-Pode.
-¿E como vai o de Pemex, que non termina de cristalizar?
-Pemex xa está neste momento analizando as ofertas do sector naval galego para un contrato de ata 700 millóns de dólares. Supoño que, a partir de setembro, as terá avaliado, examinado.
-Falando de futuro, ¿teno Novagalicia Banco?
-Si. Galicia pelexa por el.
-¿Como o ve dentro dun par de anos: liquidado, absorbido, en solitario como quere...?
-Se me pregunta hai dous anos o que ía pasar hoxe, sería difícil que acertara, ¿non? De momento, traballamos para salvar unha entidade con sede e domicilio fiscal en Galicia. Hai 14 comunidades autónomas que non pasaron da primeira rolda. Nós estamos na última e espero e desexo que a superemos.
-¿Pon a man no lume?
-Hoxe hai uns bos profesionais á fronte do banco.
-¿Como cualificaría a xestión dos anteriores, a de Méndez e a de Gayoso?
-Fixeron un bo traballo durante un tempo e non estiveron á altura das circunstancias ao final. Houbo, a partir do 2007, probablemente algo antes, políticas erráticas: unha expansión irracional da rede de oficinas, políticas de retribucións absolutamente impropias dunha caixa, investimentos especulativos...
-¿Comparecerán os dous ante o Parlamento galego?
-Si, seguro. E alguén máis.
-¿Quen?
-Xa se verá.
-¿E cando exactamente?
-A comisión aprobarase antes do novo período de sesións no Parlamento e comezará a traballar a partir de setembro.
-Nun Parlamento de 75 deputados. ¿Ata cando?
-Vou a propoñer a todos os grupos da Cámara, ademais dunha rebaixa drástica das subvencións aos partidos políticos, de polo menos o 21 %, reducir o número de parlamentarios. Se pedimos esforzos aos cidadáns e aos funcionarios, teñen que ver que nós tamén os facemos.
-¿Reducilos ata cantos: 60?
-Si, nese entorno.
-¿E cando?
-De inmediato, xa.
-De inmediato tamén debería Rajoy poñer data ao AVE...
-Estou convencido de que esta situación dramática que vive España non impedirá ao presidente cumprir a palabra que me deu e autorizou a comunicar. O que si lle podo asegurar é que, o mesmo día que nomeou á ministra de Fomento, lle encargou a finalización do AVE galego.
-¿Con Ana Pastor fala?
-[Rindo]. Por suposto. Varias veces ao mes e, en ocasións, á semana. Hai tres días falamos.
-Ela con Abel Caballero non se leva mal de todo. ¿Vostede?
-É moi difícil levarse ben cun señor que non se leva ben con ninguén. A miña relación institucional é con Vigo, non con el.
-¿Sairá adiante a área metropolitana de Vigo, si ou non?
-É unha lei democrática histórica que ten que saír adiante.
-Afirma Xosé Manuel Baltar que vostede sabe que, cando el fala, fala todo Ourense.
-Baltar é o presidente da Deputación de Ourense e, cando fala, sen dúbida algunha, fala a provincia.