«As circunstancias non son as apropiadas para continuar co proxecto da Cidade da Cultura»

carlos deus MONTEVIDEO / ESPECIAL PARA LA VOZ

GALICIA

O ex conselleiro de Cultura recoñece desde Montevideo que a imaxe de España empeza a deteriorarse a causa da crise

26 dic 2012 . Actualizado a las 11:02 h.

Os tempos nos que o embaixador era unha figura cuasi protocolaria mudaron. A patria nai está en crise e os embaixadores son pezas claves para xerar oportunidades comerciais e laborais no exterior. O embaixador de España en Uruguai e ex conselleiro de Cultura, Roberto Varela, s o día a día dun embaixador en tempos de crise.

-¿Cal é a imaxe de España?

-Segue a ser boa pero empeza a deteriorase. Existe a imaxe dun país que avanzou moi rapidamente, que exportou e importou emigración e que agora volve a exportar outro tipo de emigración. As grandes empresas que hai en Uruguai teñen orixe española e transmiten unha boa imaxe. Os matices son a recente suspensión dos voos de Iberia. A min, coma aos uruguaios, caeume bastante mal.

-¿Cómo se enfronta cos malos datos que chegan de España?

-Aquí saben moito de crise e cando se fala con eles pensan na do 2002 e enténdenno ben. O mandato número un que nos impón o Ministerio de Asuntos Exteriores é traballar na diplomacia económica: apoiar todo o que sexan inversións das empresas españolas aquí e é ao que dedicamos maiormente as nosas enerxías. É un mercado importante, non só por ser novo, senón pola súa situación estratéxica con Brasil e Arxentina e pola súa seguridade xurídica.

-¿É unha oportunidade para as empresas galegas?

-Si, en sectores como infraestruturas, estradas e ferrocarrís, enerxías renovables, tratamento de residuos e naval, onde xa hai adxudicacións a empresas galegas. Dentro de pouco empezarase a falar dun porto exterior en Montevideo e estamos a traballar para que unha empresa española obteña parte da obra.

-¿E para os profesionais?

-Non é un movemento masivo pero cada vez hai máis xente buscando oportunidades que en España non hai.

-¿A Xunta apoia a chegada de empresas galegas a Uruguai?

-Si, o presidente Alberto Núñez Feijoo visitou Uruguai para interesarse por proxectos de empresas galegas como as do naval. Recentemente o conselleiro de Industria estivo para ver posibles inversións. As conversas están moi avanzadas en varios proxectos de sectores nos que as empresas galegas teñen unha vantaxe comparativa.

-Hai un magnífico Centro Cultural en Montevideo pero con moi poucos recursos.

-Fíxose cando eu era subdirector de Cultura en Madrid e tócame moi de preto. Imos facer unha viraxe da programación con máis promoción da cultura española. Gustaríame facer unha exposición de Galicia como potencia cultural. E imos traer Memorias dun neno labrego.

-¿Ve a Feijoo en Madrid?

-Está a facer un gran traballo e a súas capacidades permitiranlle chegar onde el decida.

-¿Mirando polo retrovisor, que ten que dicir da Cidade da Cultura?

-Sempre fun partidario de actuar según as circunstancias e hoxe no son as apropiadas para continuar co proxecto. Temos que querer o que temos; calquera outra alternativa non é viable; a súa destrución non é viable, a súa reconversión noutra cousa non é viable. Debemos seguir sendo pragmáticos, gardar o que temos e deixar o que falta para o futuro, para cando as circunstancias sexan máis favorables. É unha xoia arquitectónica que pode ter moito valor para Galicia. Temos que querela, que acadar un consenso arredor de algo que non ten volta atrás. O continente é bo e é unha obra que merece ser visitada. No podemos deixar que morra e se converta no símbolo dun fracaso, senón dun éxito, aínda que sexa a longo prazo.