Xavier Vence: «O soberanismo non é ir berrar independencia polas esquinas»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Aposta por explicarlle á xente que o autogoberno é unha saída á crise

16 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O BNG emprenderá mañá unha nova folla de ruta tras tocar fondo nas últimas autonómicas. E Xavier Vence (Rodeiro, 1961), economista e catedrático, un rostro novo non erosionado polo desgaste da vida política, será quen leve o timón para endereitar o rumbo.

-Moitos dubidaron de que vostede fose aceptar a portavocía do BNG. ¿Que lle levou a dar o paso?

-Non foi unha decisión fácil. Eu quero compatibilizar a miña actividade académica con esta responsabilidade, coa carga de traballo que iso conleva. Pero asumín o reto porque o nacionalismo está nun momento especialmente delicado. E algunhas persoas pensaron que eu era o perfil idóneo para endereitar a situación. E deixeime convencer. Co desmantelamento que hai dos niveis de benestar non queda outra que comprometerse.

-¿Que mudou no Bloque para que vostede aceptara o reto?

-Dende as eleccións de outubro houbo un debate interno bastante profundo. Abriuse o debate á xente. E o certo é que nese debate maduraron ideas e novas actitudes. Hai unha conciencia clara de que temos que mudar cousas.

-¿Por exemplo?

-A nosa cultura organizativa interna. Camiñamos cara unha dinámica máis cooperativa que supera as inercias das forzas que compoñen a fronte. Tamén hai consenso sobre mudar a forma de traballar coa sociedade e cos movementos sociais. Estes cambios introducen a esperanza de que é posible reconducir a situación.

-Pero mantense sen embargo a estrutura da fronte...

-As organizacións que existen dentro do BNG entenden que ese é o modelo que preserva o pluralismo, pero co compromiso de que a forma de convivencia desa diversidade ten que ser agora diferente.

-¿E como?

-As disciplinas de grupo van quedar nun segundo plano con respecto aos acordos colectivos dentro das estruturas. Mantense a arquitectura, pero mudan as regras de funcionamento.

-¿Que ten que facer o BNG para recuperar apoio social?

-O primeiro é recuperar unha imaxe de cohesión interna, de unidade, arredor dun proxecto común. E o segundo é que hai que conectar coas preocupacións sociais ligadas á crise ofrecendo alternativas. Nós colocamos aquí en primeiro plano que sen soberanía hai máis dificultades para aportar solucións á crise.

-¿E a acentuación dese discurso vai encaixar en Galicia?

-O soberanismo non é ir berrar independencia polas esquinas. O noso plantexamento non é de maximalismo de curto prazo. O importante é comunicar un horizonte estratéxico e que a xente entenda por que a soberanía é importante para resolver os seus problemas. Por iso queremos facer unha labor pedagóxica. O BNG non vai vincular todo o seu traballo á soberanía. Aspiramos a volver ser unha alternativa maioritaria. Traballaremos para iso.

-¿Hai intención de incluír baixo o paraugas da fronte a grupos independentistas?

-Nós queremos impulsar unha plataforma sobre o dereito a decidir, abrir o debate. E nese movemento participarán os que queiran. Pero non nos formulamos a integración de ningún grupo.

-¿Que lle pareceu a renuncia de Aymerich?

-Respéctoa no plano persoal. Pero é unha mágoa porque fixo unha labor parlamentaria moi importante. E neste momento, no que estamos tentando relanzar o proxecto dende a unidade, el decide abandonar o escano. Cústame entender cales son as diferenzas que pode ter coa liña do BNG. Realmente, non hai un cambio