A árbore dos avós

Víctor F. Freixanes DIRECTOR XERAL DE GALAXIA

GALICIA

25 jul 2013 . Actualizado a las 15:47 h.

Odesafío está no futuro. Non só para nós, que somos unha parte do sistema, senón para o país, para a sociedade galega no seu conxunto, que afronta unha realidade inzada de incertezas. Incertezas tamén para a lingua e para a nosa cultura. ¿Que queremos facer de nós? Unha editorial non é só unha empresa que produce libros. Unha editorial é unha plataforma de xestión de información, creación e coñecemento, lanzadeira de ideas e, ao mesmo tempo, espazo aberto para debater, para discutir o mundo. Un territorio de relacións e de concertación.

Cando en 1950 os fundadores de Galaxia botaron a andar o proxecto, as circunstancias eran difíciles. Non é cousa de lembralas: a ditadura, o atraso, os prexuízos, os medos, un país derrotado e coa memoria estragada? Hoxe a realidade é distinta. Mais non por iso mudaron as dificultades. Galicia segue sendo un soño posible. Pero hai que gañalo cada día, imaxinalo, traballalo, conquistalo. E a dimensión das cousas non é a de hai 63 anos. A globalización rompeu fronteiras, pero tamén uniformou discursos, anulou intereses, matou identidades. Os hábitos de cultura, a dinámica de consumos, os valores éticos (e épicos) mudaron. A televisión é o gran circo das masas. As novas tecnoloxías da relación social, Internet, o negocio do espectáculo, a concentración de capitais financeiros, as estratexias de ocupación cultural dos grandes grupos de comunicación, a economía do entretemento (que os norteamericanos USA consideran parte das industrias culturais, xunto cos parques temáticos, os equipos de fútbol e os casinos), etc., conforman un mundo novo, radicalmente distinto daqueloutro mundo dos fundadores, suxeito a constantes transformacións.

Este é o contexto dende o que asumimos a herdanza dos avós. Eles chantaron a árbore. A nosa obriga (o desafío) é facela medrar, ben calcada nas raíces, para que dea froitos novos cada ano. Novos e renovados. Galaxia (e as súas fundacións) é un patrimonio social do que nos sentimos responsables e que atinxe a cidadanía toda, homes e mulleres deste país que celebra medio século da revista Grial e da Fundación Penzol, e século e medio da primeira edición dos Cantares.

Neil Postmann dicía que toda cultura está obrigada a pactar coa tecnoloxía do seu tempo, e a que non pacta sucumbe. Pensando na próxima década e no horizonte das novas xeracións, os desafíos máis inmediatos son: a incorporación da cultura galega (non só o libro) ás tecnoloxías da dixitalización, e a proxección exterior do noso discurso.

Ou logramos que saiban de nós (do que somos, do que sentimos, do que nos interesa) máis alá das nosas fronteiras, dialogando ou cando menos participando no gran foro universal, interactuando con outras linguas e outros espazos culturais alén do noso, ou acabamos acurrunchados nunha especie de reserva temática, máis ou menos exótica, na que irremediablemente nos esgotaremos. Ou damos entrado con pulo e sen complexos nas plataformas e nas linguaxes de distribución global (dixitalización), ou nos resignamos á condición (subvencionable) das pezas de museo. E nós non estamos porque nos descabalguen da Historia.