Remar na mesma dirección

GALICIA

28 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha das claves do éxito escolar noutros países é a estreita relación dos pais co centro escolar e o respecto polo traballo do profesor. Aquí, como en tantas outras cousas, temos pasado dun extremo a outro. Non hai moito tempo, o apoio ao mestre era absoluto, ás veces esaxerado. Hoxe, quen ten sempre a razón, como axioma, é o rapaz. Os pais acostuman defendelo dun xeito tan irracional, que poden chegar mesmo a acosar ao profesor. É unha curiosa contradición, tendo en conta que a familia delega cada vez más na escola a súa responsabilidade educativa. A principal causa deste mal está na educación permisiva ou sobreprotectora, que practican moitos pais. Non hai autoridade, e cando a hai confúndese con autoritarismo. Fórmanse fillos mimados e irresponsables, sen madurez nin independencia. Existe un medo infundado a causarlles problemas ou traumas. Xa que logo, a familia non apoia aos mestres na procura da orde, esforzo e disciplina, téndose creado un divorcio de nefastas consecuencias para o ensino. Os profesores non actúan con liberdade e teñen moitos atrancos para conseguir eficacia e eficiencia nas clases. Mesmo baixan o nivel, pois teñen medo a quedarse sós diante das familias. O aprobado convértese nunha válvula de escape ás tensións. Non o dubidemos. O día que os pais se responsabilicen da súa parcela educativa (sentimentos, valores, hábitos ?) e remen na mesma dirección ca escola, a maior parte dos problemas que ten o sistema desaparecerán.