Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Xunta pecha sen apoio sindical o anteproxecto de lei para avaliar ao funcionario

S. Lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

UGT, CC.OO., CIG e CSIF critican que na última redacción do borrador a Xunta amplía as funcións dos asesores

17 oct 2014 . Actualizado a las 07:18 h.

Un ano e medio despois de presentar a primeira redacción dun borrador que a Consellería de Facenda meteu e sacou varias veces do caixón sen mudar as súas liñas mestras, o departamento autonómico que dirixe Elena Muñoz deu por pechado onte o discutido anteproxecto de Lei do Emprego Público.

O texto que permitirá examinar o desempeño profesional de 120.000 empregados públicos en Galicia foi rexeitado polos catro sindicatos con representación na función pública (CIG, UGT, CC. OO. e CSIF), que non conseguiron que as alegacións que presentaron fosen atendidas para modificar algún dos puntos máis controvertidos. Algúns dos aspectos da nova normativa que rexeitan as centrais sindicais son o protagonismo dos superiores nesa avaliación do funcionariado, a posibilidade da mobilidade forzosa dos traballadores, o recrutamento de directivos de chiringuitos na empresa privada ou a consolidación do plus para os funcionarios que ocuparon altos cargos na Administración autonómica.

Persoal de libre designación

As centrais sindicais critican tamén que, lonxe de levantar o pé nalgún deses puntos de fricción, a Xunta decidise incorporar na última redacción do anteproxecto de lei matices que mesmo amplían as funcións que teñen os asesores. Así, o borrador determina que ese persoal de libre designación desenvolverá «funcións de confianza ou asesoramento especial», entre ás que agora se engaden a aquelas tarefas «de especial confianza» as «funcións que supoñan unha colaboración de carácter reservado».

A Consellería de Facenda alega, pola súa parte, que deste xeito mete dentro da lei situacións de persoal que realiza tarefas moi concretas, mesmo vencelladas á vida privada de determinados cargos.

Tramitación

Co peche do borrador, o anteproxecto de Lei do Emprego Público queda listo para a súa aprobación como proxecto de lei polo Consello da Xunta, como paso previo á súa tramitación no Parlamento galego.