«O futuro do galego estásenos indo das mans», di o secretario da RAG

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Se os galegofalantes baixan do 25 % «será unha lingua difícil de recuperar»

07 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Os resultados da última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o coñecemento e uso da lingua galega son demoledores. E non tanto polos galegofalantes -un 51,5 % da poboación-, senón pola súa idade, maioritariamente de idade avanzada. So unha cuarta parte dos menores de 14 anos teñen o galego como lingua vehicular predominante e, o que aínda é máis preocupante, o 47 % so usa o castelán.

A Real Academia Galega é consciente desta situación. O seu secretario, Henrique Monteagudo, asegura que a RAG e máis o Consello da Cultura Galega farán un estudo en detalle deste informe nos vindeiros meses, «pero cos resultados xa se poden sacar conclusións obvias». Basicamente unha moi negativa, «o galego está nunha situación de franco retroceso». Máis aínda, di Monteagudo, mesmo o bilingüismo cae, en aras dun monolingüísmo en castelán nas novas xeracións.

A evolución das linguas é complicada e depende de aspectos sociais, económicos, educativos e políticos. Pero os gobernos teñen moito que ver. Así o di o representante da Real Academia Galega, que lamenta que en Galicia haxa un problema de base, non estar de acordo co diagnóstico da situación do galego. É dicir, «estes resultados demostran que o diagnóstico que se quixo impoñer de que existía un problema de imposición do galego era equívoco. O problema fundamental é que o galego se está perdendo. E hai que poñerse de acordo no diagnóstico, porque as medidas a tomar dependerán da realidade que se ve», explica o sociolingüista galego.

Esta visión da imposición do galego está relacionada co decreto do galego no ensino do goberno bipartito, pero como explica Monteagudo «a imposición do galego nin foi un problema, nin o é». Aínda que depende de moitos factores, si hai políticas que se poden poñer en marcha e que redundarán nun freo á marcha de galegofalantes. Desde a RAG poñen o exemplo do euskera, que hoxe en día é máis falado polos novos que polos maiores, ao revés do que ocorre en Galicia. O ensino xoga un papel fundamental, e de feito «todos coñecemos casos de pais que ensinan en galego aos seus fillos e volven da escola falando en castelán». Pero non é o único entorno que inflúe na castelanización dos máis novos, «a sociedade ten un impacto moi forte nos mozos, que reciben unha presión social moi forte do castelán e non poden defenderse, porque non teñen as armas que ten un adulto», di.

Situación reversible

O secretario da Real Academia Galega explica que os datos que constatan os estudos amosan claramente que «o futuro do galego achícase, estásenos indo das mans». Cando dentro de 25 ou 30 anos -se a evolución da lingua segue a ser a mesma- non máis do 25 % dos cidadáns teñan como lingua vehicular o galego «será unha lingua difícil de recuperar». De momento, co 50 % que reflicte a enquisa do IGE, «temos posibilidades de reverter a situación», conclúe Henrique.

A Xunta destaca o equilibrio

A Consellería de Educación fai unha lectura positiva dos datos ao destacar que amosan o equilibrio que hai nas aulas das linguas cooficiais. Ademais, destaca que se rompe a tendencia monolingüe dos informes dos anos 2003 e 2008, e valora a percepción que ten a propia poboación sobre o futuro do galego. Case a metade dos enquisados cren que en cinco anos se falará o galego na mesma proporción que hoxe.

O certo é que atendendo á idade dos falantes, a lingua propia vai envellecendo e pasando de ser o idioma vehicular da maioría, a estar en clara desvantaxe.