Patricia López Arnoso: «Estanse vendo comportamentos de violencia machista en nenos de doce anos»

María Santalla REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Álvaro Ballesteros

A membro da Subcomisión de Violencia sobre la mujer del Consejo General de la Abogacía Española coordina un curso para mellorar a defensa das mulleres vítimas de violencia machista

10 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis de 1.100 avogados participan nun curso de formación on-line organizado polo Consello da Avogacía Galega coa colaboración da Xunta e do Consejo General de la Abogacía Española para mellorar a defensa das mulleres vítimas de violencia machista. Patricia López, membro da Subcomisión de Violencia sobre la mujer del Consejo General de la Abogacía Española en representación do Consello da Avogacía Galega coordina este curso.

-É unha iniciativa moi ambiciosa, ¿é algo habitual ou débese á transcendencia do tema?

-A lei integral de violencia de xénero xa esixía formación específica para formar parte da quenda de oficio de violencia de xénero. Xa desde o ano 2004 se está impartindo formación, pero si é certo que este é un curso moi ambicioso tanto pola súa amplitude, 250 horas, como porque o proxecto é bastante pioneiro de temario e de formación multidisciplinar.

-Hai novidades legais que afectan á violencia machista, ¿cales son as principais?

-Reformáronse varias leis e todas afectan, por exemplo a consideración dos fillos como vítimas, a lei do estatuto da vítima, que lle concede maiores dereitos, os quebrantamentos das ordes de afastamento, que estaban indo aos xulgados de instrución e agora xa se consideran competencia específica de violencia de xénero. A lei integral, que foi pioneira en moitas cousas pero que xa ten doce anos, evidentemente xa necesitaba algúns cambios.

-¿Son suficientes eses cambios?

-Lévanse reclamando bastantes máis reformas, por exemplo entender que non pagar a pensión de alimentos non deixa de ser violencia económica contra a muller e é algo que, salvo que vaia asociado a outras cousas, segue indo aos xulgados de instrución.

-¿Hai suficientes instrumentos para loitar contra a violencia?

-Necesítase dotación e formación e medios, porque os xulgados están absolutamente ateigados.

-Ás veces dá a sensación de que a lei do 2004 non conseguiu mellorar as cousas, porque segue habendo moitas vítimas.

-Si, si, melloraron cousas, non sexamos tan negativos. Hai uns anos a maioría dos procedementos eran xuízos de faltas, coa lei integral o que se conseguiu é que pasaran a ser delitos. Pero non só se trata do ámbito penal, tamén hai medidas educativas, de formación, traballar moito coa infancia e sobre todo cos adolescentes, porque se están reproducindo comportamentos de violencia machista en rapaces de 12-13 anos. Creo que non se visibiliza que miles de mulleres saen de relacións violentas cada ano, aínda que parece que só son noticia as mortes. Durante 24 horas ao día, 365 días ao ano, hai avogados de garda na quenda de oficio especial de violencia de xénero axudando a miles de mulleres a superar a violencia, e a inmensa maioría o conseguen, aínda que non se saiba.