Pilar Cancela: «Nas primarias vale o mesmo a voz de Caballero que a de calquera militante»
![Domingos Sampedro](https://img.lavdg.com/sc/ONBVQhRzr__4SNWVdkBRcutT_Wc=/75x75/perfiles/1417699920261/1624273933437_thumb.jpg)
GALICIA
![](https://img.lavdg.com/sc/CQDH5ng2m9bcGRuK_w2ZcT4KEgo=/480x/2016/04/16/00121460839021856594717/Foto/.jpg)
A deputada e presidenta da comisión xestora do PSOE galego di que lle gustaría que Vigo estivera na xestora e apunta que convocará nuns días a consulta interna
17 abr 2016 . Actualizado a las 09:28 h.Dende o ano 2013, exerceu como xefa do aparato do PSdeG baixo a batuta de Besteiro e cando este dimitiu como secretario xeral, a súa número dous, Pilar Cancela (Stuttgart, Alemaña, 1967), foi nomeada dende Ferraz para presidir temporalmente unha xestora que debe pilotar o partido ata a celebración das primarias e do posterior congreso.
-Hai voces no PSdeG que din que á fronte do partido hai un gran baleiro, ¿compárteo?
-Eu de momento aínda non escoito voces. Agora en serio, non hai ningún baleiro, nin político nin orgánico, e ademais temos un compromiso como é a convocatoria de primarias para elixir ao candidato á Xunta. Iso ocorrerá nos próximos días. E, aínda que poda haber voces por aí que digan que non se fai nada, o certo é que estivemos traballando arreo no programa para que se sustente nun proxecto de ideas sólido que non existiu con Feijoo neste tempo.
-¿Que o alcalde de Vigo faga unha xira por Galicia para revitalizar o PSdeG non é constatar que hai un baleiro?
-Eu teño un profundo respecto por Abel Caballero e o que representa, non só é o alcalde da cidade máis poboada de Galicia, tamén decidimos que fora o presidente da FEMP. É un referente no PSdeG, pero non hai que esquecer que neste partido temos establecido que nas primarias vale o mesmo a voz de Abel Caballero que a de calquera militante de calquera agrupación por pequena que sexa.
-¿Entón Caballero é un militante máis, non un referente?
-Non, é un referente moi importante, pero o que realmente conforma a nosa esencia fronte aos demais partidos é o valor e a forza da nosa militancia, porque as persoas pasan e o proxecto socialista permanece.
-¿Por que Vigo non está representado na xestora do PSdeG que vostede preside?
-Pois foi unha decisión que tomou Vigo e que eu respecto.
-¿Equivocáronse?
-Eles terán que valoralo, eu o que teño que dicir é que, logo dun feito tan doloroso e sobrevido como a dimisión do noso secretario xeral, Ferraz nomeou unha xestora á que, por suposto, se convidou a Vigo, porque se entendía que Vigo é importante.
-¿Gustaríalle que estivera Vigo para ter o seu respaldo?
-Por suposto que si, pero eu non dou por feito que non teñamos o respaldo de Vigo, porque espero que todos apoiemos o proceso de primarias e nos poñamos detrás do candidato para ser a alternativa de Goberno.
-Parte do PSdeG pediu facer un congreso xa. ¿Toca ou non toca?
-Para ser referentes na política é importante ter coherencia, porque en cuestión de días escoitamos mensaxes contraditorias das mesmas persoas. A xestora é o garante de que vai haber primarias, e de que unha vez que Besteiro foi elixido por primarias, unha vez que Pedro Sánchez foi elixido por primarias, non ten cabida unha volta atrás para escoller por este sistema ao próximo secretario xeral.
-¿Mantén que esas primarias terán lugar en maio?
-Si, porque aínda que se poda xogar algo con prazos, necesitamos entre 32 e 42 días para celebralas e non sabemos o que vai a facer Feijoo, que pode adiantar as eleccións galegas, así que temos que ter o traballo feito.
-Si necesita entre 32 e 42 días, terían que convocalas xa...
-E farémolo nos próximos días.
-E podería ser vostede candidata, ¿si, non ou depende?
-Eu vou a ser clara, non me descarto, pero con isto non me postulo a nada, senón que o que quero dicir é que cando se milita nun partido hai que ser responsable e estar sempre a disposición.
-Di Alfonso Rueda que o papel que ten o PSdeG é o de elixir o vicepresidente de En Marea.
-Escoitarlle iso ao señor Rueda, cando o PP ten que elixir novo secretario xeral logo da súa estampida que parece máis ben unha dimisión en diferido, pois ten o seu aquel. ¿Eles que van a facer, un casting? En fin, xa teñen bastante co seu para se dedicar a falar dos demais.
-¿Pódese abater o PP de Feijoo?
-Estou convencida, e por unha razón, porque en todos estes anos puideron facer o que quixeron, tiveron a maioría absoluta para elo, e aínda así non foron capaces de poñer ningún proxecto sobre a mesa para mellorar o benestar da xente. E por riba presumen de que non deixan pufos, cando triplicaron a débeda e recortaron en todos tipo de servizos públicos. Ao derrubarse esa imaxe de bo xestor de Feijoo, penso que imos a abater ao PP.
-¿Que pensa facer o PSdeG para ser hexemónico na esquerda e liderar esa alternativa ao PP?
-No PSOE hai solidez e consistencia, e logo hai outras forzas que viñan a rachar co vello e que empezaron a asumir responsabilidades de xestión en cidades importantes, por exemplo na Coruña, Santiago e Ferrol. E vemos que teñen que dicirlle á cidadanía, día a día, que todo o que prometiches, que o que dixeches que ías a facer non sempre é tan doado facelo, e a xente quere que resolvas os problemas...
-¿Acaso non están resolvendo os problemas nesas tres cidades?
-Creo que as mareas resolven os problemas dunha maneira bastante deficiente, pódense facer distincións, pero empeza a verse unha certa decepción por parte da cidadanía.
-¿Daquela pensa como Caballero, que na Coruña e Santiago están «hechos unos zorros»?
-O que creo é que a marea xerou expectativas na Coruña e Santiago que se viron defraudadas. Pola contra, o PSdeG acadou resultados que lle permiten gobernar en tres deputacións provinciais e nun cento de alcaldías dende onde trasladamos outro xeito máis confiable de facer política para ser alternativa ao PP.
-¿E en Madrid, vai haber alternativa ao PP?
-En Madrid debe haber alternativa. Porque non é moi consistente que no Congreso nos entendamos e votemos conxuntamente os partidos que queremos o cambio e logo non sexamos capaces de facer unha alternativa. Creo que hai que deixar á marxe os personalismos.
-¿O personalismo de quen?
-Pois vou a dicilo claramente, o personalismo de Pablo Iglesias, porque a nós estanos sendo moi doado chegar a acordos con Podemos e as demais forzas do cambio para deixar illado ao PP. E vemos que ese entendemento queda suspendido cando se traslada á cúpula do partidos.
-¿Séntese decepcionada?
-A decepción de que non haxa cambio vai ser para a cidadanía, que se quixera que seguira o PP xa o tería dito. E non o fixo.