Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Beiras seguro que tería máis apoios no noso partido que no seu»

GALICIA

XOÁN A. SOLER

Yolanda Díaz, coordinadora de EU, non varía a súa opinión de que prefire un perfil distinto ao de Beiras como candidato á Xunta

10 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A coordinadora de EU, excovoceira de AGE e agora deputada da comisión permanente do Congreso con En Marea non varía a súa opinión de que prefire un perfil distinto ao de Beiras como candidato á Xunta, «unha muller» por exemplo. Pero engade, «se quere ser o candidato, que o diga».

-¿Segue a manter que hai perfís máis axeitados que o de Beiras para as autonómicas?

-El é un dos grandes, pero neste tempo político a min gustaríame que por exemplo ese papel o desempeñara unha muller, non eu, que me descarto. Por iso non son partidaria de que fose el, pero o digo con todo o cariño.

-Pero esa opinión abre un debate, que el non pechou completamente aínda.

-Se quere ser el que o diga xa. Eu mesma lle ofrecín encabezar a lista das eleccións europeas. Tamén para as xerais Pablo Iglesias e eu ofrecémoslle ser o referente de En Marea, pero internamente no seu partido non o consideraron adecuado. E agora o que creo é que non debe manter a dúbida máis tempo.

-¿Se dera ese paso vostede apoiaríao, pese a non ser a súa preferencia como cartel para as autonómicas?

-Ten todo o meu respecto e admiración, e se dera o paso de ofrecerse como candidato contaría co noso respaldo, e incluso seguro que tería máis apoios no noso partido [EU] que o que recibiría no seu [Anova].

-¿E a cambiar tamén a fórmula xurídica de En Marea para as eleccións xerais, estarían aínda dispostos?

-O noso acordo político é de formar unha coalición.

-¿Temen acaso que En Marea vexa agrandado un perfil nacionalista e abra un debate identitario na coalición?

-No debate identitario non imos estar. O pacto recolle o recoñecemento do suxeito político galego, e acordamos con todas as confluencias o dereito de decidir de xeito amplo e para todo como principio de participación. Pero eu non me vou volver independentista agora. Non se pode cambiar un acordo baseado no discurso social por outro identitario.

-¿Foi ético deixar o Parlamento polo Congreso?

-Foi contra a miña vontade, non estaba na miña cabeza, e produciuse despois de que rexeitaran outras propostas nosas. A primeira persoa a quen llo dixen foi a Beiras.