«As mareas non nos gustan, pero o PP aínda nos gusta moito menos»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

DOMINGOS SAMPEDRO

Leiceaga cre que foi un acerto desaloxar aos populares, pero o goberno «sería máis solvente» se o liderara o PSdeG

12 may 2016 . Actualizado a las 09:41 h.

O economista Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) foi o primeiro en competir nas primarias do PSdeG e cargou ás costas coa etiqueta de ser avalado pola xestora do partido e por Ferraz.

-¿Por que concorre ás primarias?

-Porque hai que liderar unha alternativa ao PP en Galicia e creo que teño a experiencia e cualificación para xogar ese papel.

-¿E que podería aportar?

-A mestura de experiencia política e profesional. Ao longo da miña vida tiven experiencia de xestión nas institucións, pero teño tamén como investigador, profesor universitario, con contactos fóra da política e un fondo compromiso con este país.

-¿Con que apoios conta?

-Algúns xa se publicaron, pero o máis importante son os militantes. Son eles os que van a decidir o día 28, iso é o máis valioso.

-A vostede sinálano como o candidato do aparato.

-Levo catro anos á marxe da vida política traballando na miña profesión. En fin, teño a impresión de que aqueles que levan moito tempo nos cargos e á fronte dos aparatos están noutro lado.

-¿Non ten o apoio de Besteiro?

-Besteiro agora está á marxe da política, e eu deséxolle unha pronta resolución dos asuntos xudiciais para poder recuperalo, que nos fan falta todos.

-¿Que vostede proceda do BNG é unha vantaxe ou un hándicap?

-A barreira entre o nacionalismo e o non nacionalismo, que foi importante nalgún tempo, hoxe non ten a mesma relevancia. Pero son consciente de que podo aportar unha maior comprensión das diferentes sensibilidades políticas dos que nos abandonaron recentemente.

-¿É máis estratéxico atraer o voto nacionalista ou o de centro?

-Eu, a diferenza de Feijoo, vou ser un candidato que aspira a representar ao conxunto da sociedade e teño que dicir que distingo moi ben entre os competidores da esquerda e os adversarios da dereita. Temos que construír unha alternativa ao PP, porque as mareas non nos gustan, pero o PP aínda nos gusta moito menos.

-¿Que lle desgusta das mareas?

-Aínda que están intentando entrar no noso terreo socialdemócrata, son unha proposta populista, de símbolos, pero que demostra escasa capacidade de xestión.

-¿Errou o PSdeG ao apoiar ás mareas na Coruña ou Ferrol?

-Non, a diferenza de Méndez Romeu eu creo que os nosos compañeiros acertaron cando desaloxaron ao PP do poder municipal alí onde puideron, na Coruña, en Ferrol, etcétera. Non foi un erro, pero se lideramos nós ese proceso, a alternativa de goberno é moito máis solvente.

-¿Entón non tería ningún problema en pactar coas mareas?

-A miña vida política xirou sempre en torno a coalicións, lideradas polo PSdeG, no Parlamento, na etapa de Touriño, e antes no Concello de Santiago, e teño que dicir que foron experiencias de goberno moi positivas.

-¿E se o PSOE non fora segunda forza, faría presidente ao candidato de En Marea?

-Non contemplo esa posibilidade, a experiencia di que cando nós non lideramos a alternativa, como ocorreu no ano 1997 ou no 2001, non fomos capaces de construír unha maioría alternativa.

-¿Qué opinión ten dos seus contrincantes?

-Méndez Romeu é un político moi experimentado, que leva moitos anos á fronte de asuntos públicos, e Gonzalo Caballero é unha persoa con gran imaxe pública que pode xogar un papel importante no futuro do partido.

-¿Tería dificultade para pactar con algún deles?

-Non, a miña vontade é de integración. Eu entendo que non son o candidato preferido por Feijoo, pero hai que sumar a todas as sensibilidades e non sobra ninguén.

-¿E cal sería o candidato predilecto de Feijoo?

-Eu vexo hoxe mesmo (por onte), en La Voz de Galicia que o flamante novo secretario xeral do PP xa ten elixido o seu candidato e non son eu.

-¿Vai gañar? ¿Por canto?

-Creo que vou a gañar cunha vantaxe moi suficiente, dende logo non pola mínima.