Román Rodríguez: «O absentismo na proba de 6.o hai que situalo nun acoso político á Lomce»
GALICIA
O conselleiro de Educación lamenta que moitas familias «de boa fe se deixaron encauzar» polo boicot dalgunhas entidades
15 may 2016 . Actualizado a las 13:33 h.Na semana na que se celebrou por primeira vez na comunidade galega a avaliación de diagnóstico de sexto de primaria, Román Rodríguez (Vento, Lalín, 1968), lamenta «o forte chamamento á insubmisión, ao boicot, e o acoso a este tipo de probas».
-¿Como valora que a asistencia se quedara nun 60 %?
-Tendo en conta os chamamentos que houbo á insubmisión e a forte campaña que se fixo para evitar a mesma, parece que é unha cifra razoable.
-¿Que fallou na explicación da Xunta para que un 40 % dos nenos non foran?
-Hai que velo en perspectiva, enlazalo e situalo nun rexeitamento e nun acoso político moi forte respecto á Lomce desde o minuto cero. Mesmo antes de que se publicara sequera unha soa liña da lei, xa algunha formación política dixo que a ía derrogar con independencia do que se escribise. Este é un chanzo máis. Está habendo un enorme egoísmo político pensando máis no rédito político que no ben das familias e dos alumnos. Esa mensaxe se trasladou a algúns colectivos que xeraron, ás veces con manipulacións e mentiras, un ambiente nocivo respecto a unha proba que se fai con absoluta normalidade nos países do noso entorno e que ten un obxectivo, detectar as carencias do sistema, aqueles centros onde hai maiores debilidades, e poñer en marcha medidas correctoras.
-Duplicouse o absentismo respecto á proba do 2015 en terceiro.
-Debido a este boicot e acoso. Constantemente se dixo que se ían facer ránkings, e non se fan, que ía constar no expediente, e non consta, e creo que moitas familias de boa fe se deixaron encauzar. Respectamos a decisión das familias pero entendemos que é unha mágoa que non teñamos máis información para poder ter unha radiografía máis completa do sistema.
-¿Foi un erro dos pais non mandar aos fillos ao colexio?
-Non vou a dicir que foi un erro, é unha decisión voluntaria. Si é un erro de formacións políticas e determinadas organizacións que pensando nos seus réditos fomentaron esta actuación.
-A reválida de cuarto é necesaria para obter o título da ESO, ¿que vai pasar cos alumnos que non pasen o exame?
-Nese caso si podemos falar de reválidas, en primaria so falamos de avaliacións, se non, enganámonos todos e enganamos á cidadanía. En cuarto da ESO e segundo de bacharelato si son reválidas. Estamos aínda na fase embrionaria, e por parte do Ministerio o que se pretende é consensualo na medida do posible coas comunidades. É prematuro dicir cómo vai a quedar, pero non me cabe dúbida de que se buscará unha solución que non prexudique aos alumnos. Nós o que pedimos é que se deseñe un marco xurídico que non xere prexuízo nos alumnos. Pero temos que buscar unha solución que poida corrixir esa situación ou poida orientala.
-A Administración insiste en que as probas de primaria non valen para ránkings, tampouco figuran no expediente... Algúns docentes se preguntan ¿para que se fan?
-Para detectar debilidades do sistema educativo e poder implantar programas de reforzo. ¿Para que? Para reforzar a igualdade de oportunidades e que ningún centro se quede atrás. Estanse avaliando competencias, é dicir, qué saben facer os rapaces co coñecemento que teñen.
-Finalmente a reválida de segundo de bacharelato valerá para acceder á universidade, ¿foi unha boa opción?
-É unha boa solución, á que chegaron as universidades e o Ministerio de Educación.
-¿É momento de falar dun pacto educativo?
-Gustaríame. Creo que é unha debilidade do sistema educativo e do sistema político español. España viviu unha sucesión constante de leis orgánicas, todas do goberno socialista, e esta é a primeira que se impulsa por un goberno do PP. Ás veces da a sensación de que desde a esquerda se cre que teñen un monopolio da educación. Esta lei colleu todo o bo das anteriores, e intentou modificar aquelas cuestións máis débiles do sistema educativo: os resultados e o fracaso escolar.
-¿E Galicia pediría cambios na Lomce en aras dese pacto?
-Creo que o PP si está disposto a negociar, falar e chegar a acordos, porque a sociedade o demanda. Temos que sentarnos nunha mesa e dicir cáles son aqueles puntos fundamentais do sistema, e a partir de aí traballar conxuntamente. Eu tamén o reivindico, so me gustaría oír o mesmo da outra parte.
-Educación elaborou un protocolo no que se recolle a posibilidade de instalar cámaras nos centros par previr o acoso, pero entidades como o Colexio de Psicólogos non cren que axude.
-Galicia non ten un gran problema co acoso, pero todo o que se faga a favor de previlo é positivo. Fixemos unha macro enquisa de convivencia que reflectía que os problemas nos nosos centros eran cativos, pero chega con que haxa un caso para que teñamos que actuar. Pero hai que deixar claro que a consellería non pon cámaras, é o centro quen o fai, a consellería fai un protocolo para salvagardar a acción dos centros e para que teñan unhas pautas.
-¿Pero houbo máis peticións por parte dos centros desde que se publicou o protocolo?
-Non detectamos.
-Desde marzo as persoas con antecedentes de delitos sexuais non poden traballar con menores, ¿que vai facer Educación se se da algún caso?
-É unha norma de ámbito estatal que ten como obxectivo protexer aos nosos nenos. Hai un marco legal que regula o que se pode facer, e é unha cuestión concreta de cada caso, non hai un perfil único.
-O Ministerio escoitou a Galicia e cambiou o real decreto de becas para non penalizar aos alumnos do rural, ¿había moitos estudantes afectados?
-Non, estanse detectando os casos dos primeiros oito concellos nos que se fixo a revisión catastral, pero era algo exponencial, polo que o que fixo a Xunta foi unha medida de anticipación, había algún caso pero foi unha medida preventiva.
-Os centros estrearon os bancos de libros públicos sen que se uniran os das ANPA, ¿confía en que o acaben facendo?
-Eu fago un chamamento para que se integren e colaboren no banco público de libros de texto, que está orientado a facilitar os manuais a aquelas familias con menos recursos e está xestionado por funcionarios públicos.
-Algúns institutos están molestos porque se lles quitou persoal administrativo para dotar aos colexios desta figura.
-Somos conscientes de que nos colexios houbo unha acumulación de traballo burocrático, polo que queremos facilitar o traballo dos equipos directivos a través de persoal administrativo. Dos 99 centros de primaria aos que se lles dotou, 33 estaban en institutos que ao mellor no seu momento tiveron un número moi grande de alumnos pero que agora non o teñen. O que estamos facendo é unha reorganización lóxica das plantillas. É un proceso de solidariedade interna.
-¿Vai medrar a plantilla de profesores o próximo curso?
-Temos a mellor ratio de profesor alumno de España, o que se van a cubrir é todas as necesidades docentes, non falamos de números absolutos.
-Aínda que as universidades teñen autonomía, ¿que lle parece que un profesor que admite desconcentrarse cun escote dea clase na USC?
-A USC xa está actuando, e é unha competencia da universidade. Persoalmente claro que non me parece correcto.
educación