Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Luís Villares: «A aportación de Beiras está feita. Pode seguir de referente fóra do Parlamento»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Luis Villares, el nuevo rostro de la Marea
0 seconds of 1 minute, 51 secondsVolume 90%
Press shift question mark to access a list of keyboard shortcuts
00:00
01:51
01:51
 
MARTA CARBALLO / MARCO GUNDÍN

Consciente de que é do agrado de moita xente nas mareas, cedeu á tentación política, á que chega con ideas propias

06 ago 2016 . Actualizado a las 16:55 h.

O luns cumpre 38 anos. Naceu en Lugo e alí viviu ata a maioría de idade, cando marcha para Santiago a estudar Dereito «por vocación». As inquedanzas sociais, a súa forza para o estudo e o dubidoso futuro da investigación social na universidade o invitaron a iniciar na carreira xudicial, que o levou a vivir en Pontevedra, Barcelona, Fonsagrada, Madrid, Bilbao, Lugo e A Coruña, onde exerce como maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Neses quince anos de periplo nin casou nin tivo fillos. «Non se deu», di. Desde hai uns meses o seu nome agroma na actualidade política galega porque o dedo dos líderes das mareas empezan a sinalalo. Xa tiña ganas de falar, pero preferiu esperar ata onte.

-Leva tempo calado e lendo cousas sobre vostede. ¿Amoloulle algo do dito ou escrito?

-Si. Ler que era o tapado das mareas, dos alcaldes, de Beiras, de Pablo Iglesias... tiven moitas paternidades e patrocinios, e de todo iso teño que dicir que non hai ninguén en concreto, chego eu só. Agradezo todas as boas palabras públicas e nunca as considerei dardos envelenados, pero non houbo presión, foi decisión miña. O camiño o fixen eu pola miña conta, como se pode ver tamén na miña traxectoria xudicial.

-Alguén o mete neste xardín, ata aquí non se chega solo.

-A Martiño Noriega e a Xulio Ferreiro os coñezo de hai tempo. A Martiño da etapa universitaria, e a Xulio dun grupo de investigación de xuíces, e ademais coincidimos na Audiencia de Lugo. Con eles tiña trato, se os vía pola rúa paraba e falabamos. Despois das elección de xuño é cando comezaron as conversas, cos dous, porque ademais tivemos encontros casuais en actos públicos de xeito natural, non houbo que forzar nada. Eles preguntábanme se consideraría a posibilidade de presentarme, pero en tanto que non existía unha organización con principios e programa non quería comprometerme a nada.

-¿Cando chega o si definitivo?

-Decido dar o paso a partir do sábado pasado, cando nace o partido cuns documentos e uns valores. Como cidadán, non como xuíz, síntome interpelado e esta última semana hai cruces de chamadas. Por certo, estou de vacacións, por si alguén ten dúbidas de interferencias.

-¿Non estará estreitando demasiado vostede os tempos?

-O certo é que dende que hai conversas formais nin tiven tempo de pensar nin de arrepentirme. Ata agora era un espectador, un cidadán ben informado e nada máis.

-Imos coas inevitables etiquetas. ¿É progresista?

-É a etiqueta máis evidente polo meu activismo xudicial [Villares foi voceiro de Jueces para la Democracia en Galicia].

-¿A quen votou en eleccións anteriores, antes da existencia da marea?

-Non votei sempre aos mesmos. A primeira vez que votei foi en 1996, e foi ao BNG.

-Nacionalista, logo...

-Estiven nunha organización estudantil nacionalista hai quince anos, pero a día de hoxe o meu proxecto ten que ver coa confluencia de espazos diversos: o nacionalista por un lado, e o federalista e republicano por outro. E ademais inclúe a partidos e movementos cidadáns no marco dunha Galicia entendida como nación pero que non busca a superación do marco constitucional. Para min a Constitución é o imperio da lei. Dentro da lei, todo. Fora da lei, nada.

-Hoxe, se non hai maioría do PP, a alternativa é unha coalición a catro bandas: PSOE, BNG, Mareas e Podemos.

-A efectos de lei electoral iso sempre beneficia ao primeiro, é certo. Pero eu creo que os espazos políticos chegarán a un punto de centralidade, o da marea, pero a medio prazo. Dito isto, eu vexo ao sumo un tripartito.

-Vostede, que votou por Xosé Manuel Beiras de novo, pode ser agora compañeiro... ou rival nas primarias.

-Beiras é un referente, non o podo ver como un rival. Deixa un legado político de primeira magnitude, como é a comunicación entre a esquerda nacionalista e a esquerda federalista que tiña unha idea de xustiza social. E dese legado presume incluso Pablo Iglesias. Se quixera postularse, todo o mundo o aceptaría, pero a súa aportación política xa está feita. E pode seguir sendo un referente sen estar no Parlamento.

-¿De quen é a culpa de que en España non haxa Goberno?

-Dos que puideron constituír maioría e non o fixeron. Foi unha irresponsabilidade.

«Nin se dan as circunstancias nin hai necesidade dunha consulta soberanista»

Villares aclara que é responsable de todo o que di e que, de momento, como candidato a primarias, non representa a En Marea.

-¿Que opina da situación entre as mareas e Podemos Galicia?

-Podemos é esencial no proxecto. Creo que todos somos necesarios e temos que ter as portas abertas para que calquera poida agrandar ese espazo. O lugar natural de Podemos e dentro das mareas, non teño a menor dúbida, pero entendo as súas ansias por defender a organización, pero para iso o documento aprobado o sábado pasado permite a dobre militancia, de xeito que Podemos non ten que deixar de existir en Galicia en caso de integrarse.

-Para que a xente o entenda, ¿promovería unha consulta como a dos soberanistas cataláns?

-Non. Nin se dan as circunstancias sociais nin hai necesidade. Hai unha conciencia de galeguidade moi ampla, incluso máis que en Cataluña e o País Vasco, pero que nunca tivo unha dimensión política.

-¿Como encaixa ese discurso cun sector da marea?

-Eu penso que temos un amplo marxe para avanzar no autogoberno, nas competencias e nas transferencias que non foron desenvolvidas. Outra cousa é que, tendo competencias en Galicia, non houbo un exercicio correcto delas. Non podemos imputarlle a axentes exteriores o peche de escolas do rural o que non se aposte por un grupo lácteo galego, esas son competencias da Xunta, por iso non podemos quedarnos nunha reafirmación nacional abstracta. Temos que ir ao concreto, iso é estar pegado a realidade, e non as afirmacións grandilocuentes sobre identidades nacionais. Gobernar un país é solucionar os seus problemas, non meternos noutros debates.

-¿Que é a confluencia?

-A tan manida confluencia é renunciar e converxer nun novo espazo político.