Carmen Santos: «Non teño por que dimitir. A liña vermella que ao final se levantou era do propio Pablo Iglesias»

Carlos Punzón
Carlos Punzón VIGO / LA VOZ

GALICIA

V televisión

A secretaria xeral de Podemos Galicia non se considera deslexitimada, nin ve motivos para dimitir e avanza estar disposta agora a ser candidata ao Parlamento

14 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin se considera deslexitimada, nin ve motivos para dimitir, é máis, avanza estar disposta agora a ser candidata ao Parlamento. «A oposición ao partido instrumental foi de Pablo Iglesias e Íñigo Errejón, compartida pola dirección galega, e o levantamento desa condición facultouno o secretario xeral estatal», mantén Carmen Santos.

-¿Quen quedaron máis frustrados, os que esperaban que non houbese acordo ou as bases de Podemos que votaron a favor da coalición pero ao final ven desaparecer as súas siglas?

-Sen dúbida os que intentaron que non houbese acordo. Aínda que foi unha decisión moi dura e de xenerosidade inmensa, os que tíñamos claro que era vital antepoñemos a unidade.

-¿Como vai explicar as súas bases que teñen un peso relativo?

-Asumo unha decisión que foi tomada, pensando na cidadanía, pola dirección estatal e que aceptamos a executiva galega. E Pablo Iglesias comprometeuse o venres comigo a vir a explicalo.

-¿E non a deslexitima que Iglesias levante a última hora a condición que vostede esixía?

-A liña vermella que ao final se levantou era do propio Pablo Iglesias, como tamén de Íñigo Errejón, e tiña a unanimidade das direccións de Madrid e Galicia e o apoio das bases. A liña levántase porque os doutro lado estaban dispostos a romper, e iso si que ía ser malo para Galicia. Podemos foi quen cedeu todo.

-Corren o risco de que agora en Podemos queden descontentos os que só querían o pacto, os que reclamaban dende o principio a integración e os que querían ir solos ás eleccións. Ao final, todos.

-Si, pero a xente que estaba intentando integrarse en En Marea saltándose todos os procedementos, a democracia participativa e a dirección executiva cometeron un grande acto de irresponsabilidade, e tanto o exsenador Buitrón como os dous deputados (Gómez-Reino e Ánxela Rodríguez) foron os que máis paus nas rodas puxeron á predisposición das bases de Podemos a integrarse no proxecto común fomentando a división.

-Pois Buitrón recoméndalle que dimita. ¿Non ve tocado o seu liderado como secretaria xeral?

-Non teño por que. Eu nunca ataquei a unidade, defendín os estatutos, fun sempre da man das bases e non creo que sexa sensato que me pidan que dimita por estar actuando correctamente. Todo o tempo tomamos as decisións coordinados coa dirección estatal, polo que entón quen pida a miña dimisión debería pedirlla a Pablo Iglesias, Errejón e aos outros compañeiros da dirección.

E Buitrón o que debería en vez de pedir dimisións é preocuparse da xente. Ao mellor por iso perdeu votos para seguir sendo senador.

-¿Nin dimitirá por estar agora en minoría no consello cidadán?

-Non me poden reprochar ter cumprido cos estatutos e as bases. Se o fan non son demócratas e obedecen a intereses persoais.

-E vostede, ¿Co cambio de formato será candidata ao Parlamento?

-Temos que valorar a opinión das bases. Se os motiva para crear una marea máis da nosa filosofía e os ilusiona, pois estaría disposta.

-¿É acertado prescindir electoralmente da marca Podemos?

-É unha perda porque representa un xeito de facer as cousas e de ver o país, pero temos que lograr que o seu espírito sexa visible.

-¿Que foi o que se negou a aceptar a outra parte?

-Nós cedemos moitísimo: cedemos en manter o noso censo; retiráronse os nosos candidatos á Xunta das nosas primarias con xenerosidade, como a de Magdalena Barahona... pero para nós era fundamental manter o noso nome pola xuventude do noso partido para sobrevir no futuro aquí. Ante iso a outra parte prefería romper a unidade a ceder niso. Nós non, aínda que nos prexudique tremendamente.

-¿Luís Villares é o mellor candidato posible?

-É o candidato de todos, é o que temos que defender, e polo tanto para nós é o mellor.