No catálogo dese selo inestimable que é Acantilado hai un título ao que me gusta volver, Peregrinos de la belleza, de María Belmonte. A peripecia de calquera dos protagonistas, de Winckelmann a Durrell, esperta a ansia de alzar o voo cara ao sur clásico. Pero quen, como eles, se detén hoxe a descifrar os epitafios nas lápidas dos vellos cemiterios esquecidos?
A viaxe como fonte de inspiración, o grand tour como saída ao mundo das elites, transmutouse niso que chamamos turismo. Dalgún xeito, a mobilidade democratizou a posibilidade de coñecer outros países, monumentos e paisaxes sen distinción de capacidade económica ou de xeración. O interese polo patrimonio cultural xeneralizouse, ao tempo que se trivializou nunha especie de menú degustación a medida do que desexa o turista e do pouco tempo de que dispón.
Parece ser que o turismo de calidade é o de congresos, ou o viaxeiro idílico que pernocta durante varios días, non é ruidoso e sente fascinación polos monumentos e os museos. Pero os que realmente enchen as cidades son outros. E estoutros son, acaso, seres estraños, para uns fonte de riqueza e para outros individuos molestos? Á hora da verdade, todos somos turistas e facemos cousas parecidas cando saímos de viaxe de lecer.
Cando a terceira idade, ou a segunda, ou a xuventude, toma un autobús ou un pequeno tren de pega para un tour non espera que lle conten a historia con detalle académico. Seguramente, o que desexan os máis é unha selfie para compartir coa familia e os amigos, que aquilo que se lles ofreza sexa un relato breve e non demasiado fantasioso, xa que cando se vai de vacacións a mente lévase en estado de repouso.
Hai anos, non tantos, cando unha cidade tiña pouco atractivo, as Administracións e os empresarios esforzábanse en promocionala. Agora preocúpanos que facer coa avalancha que invade os monumentos e os espazos públicos mediáticos. Porque o efecto chamada desas campañas cheas de lugares comúns contribúe de modo irreversible á banalización dos bens culturais, coas consecuencias que iso leva consigo.
¿De que maneira se poden conxugar os valores culturais do patrimonio, tutelados pola Administración, cos intereses económicos do mercado turístico global, que non adoita regular nin o perfil nin o quantum? Trátase dun equilibrio complexo para o que non se coñecen fórmulas máxicas. Non é cuestión de desincentivar a afluencia de visitantes. O desafío é concertar o interese do turismo como fonte de riqueza coa cultura do patrimonio material e inmaterial, que é fráxil e ten os seus límites, e conciliar a convivencia entre os habitantes e os turistas.
Atopar un argumento capaz de compatibilizar economía, cultura, convivencia e educación require un panel de criterios, dedicación constante, boa información e, sobre todo, cooperación sostida das Administracións entre si e co mundo empresarial e a cidadanía. A clave é non deixarse levar polas modas ou pola busca exclusiva de beneficios, senón contar con ese guión que poidan asumir todos os actores.
Xerardo Estévez é Arquitecto e exalcalde de Santiago.