Adelino Pose: «Hai un colectivo de pais que cre que os profesores somos os seus inimigos»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Álvaro Ballesteros

O presidente da Asociación de Directores de Institutos aposta por un pacto educativo e pensa que á Lomce faltoulle consenso, aínda que ten partes aproveitables

12 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de catro anos representando aos directores dos institutos de Galicia, Adelino Pose (Santiago de Compostela, 1954) deixa o cargo. Abandónao facendo un balance positivo duns anos moi controvertidos en materia educativa e animando aos seus compañeiros a asociarse.

-Catro anos marcados pola Lomce.

-Cando se vai facer un pacto educativo hai que contar coa comunidade educativa. Foi unha lei que non tivo o suficiente consenso, pero hai partes da lei, sobre todo técnicas e profesionais, que poden ser aproveitables. Estamos no momento idóneo, se hai vontade de chegar a un acordo, para marcar pautas e que haxa unha estabilidade no tempo. Un dos problemas que temos na educación é o continuo movemento de leis que hai. Iso crea desconfianza. Non é bo.

-Xa se eliminaron aspectos como o sistema de reválidas.

-Hai que avaliar o sistema educativo para melloralo. Pero fíxose un sistema de reválidas non consensuado e iso supón un rexeitamento. As avaliacións de diagnóstico axudáronnos á maioría dos centros, pero non son moi partidario de ligar unha avaliación do sistema coa titulación dos alumnos.

-E haberá nova selectividade. O retraso na reforma xogou en contra do alumnado?

-Xa están chegando aos centros os modelos de exame, tratando sempre de que se semellen o máis posible aos de selectividade. Todo o que sexa retrasar ao alumnado é prexudicial, porque é un curso moi importante, moi esixente e no que xogan os nervios. Este retraso non beneficiou en nada. Por iso a xente que fai as leis ten que ter un pouco máis de sensibilidade co alumnado, que saiba que isto non pode acontecer. O sistema educativo debería estar por riba dos movementos políticos.

-E porén os movementos políticos están marcando a convocatoria de oposicións.

-Canto antes as convoquen mellor. Tampouco parece moi lóxico que se convoquen nunhas comunidades e noutras non, debía ser todo algo máis uniforme. Dende a dirección sempre queremos que se convoque o maior número e coa máxima rapidez posible.

-Está tamén en cuestión o modelo. Sería bo cambialo?

-Creo que se está perdendo unha gran cantidade de xente que se está xubilando que ten moito que aportar na formación do profesorado. Deberían darlle dalgunha forma oportunidades á xente para que haxa unha especie de titorización durante un ano para os profesores novos, que teñen moitos coñecementos, pero a vida na aula non son só os coñecementos de tipo teórico.

-Un dos problemas dos que máis se fala é do acoso. Aumentou a conflitividade nas aulas?

-Creo que se está sobredimensionando. É moi triste, porque iso si que o vivimos os equipos directivos, que un pai ou unha nai entra e o primeiro que di é que están acosando ao seu fillo e non saben realmente o que é o acoso. Non nego que existan casos, e hai que previlos e actuar. Sempre digo prevención e educación. E imos presentando ferramentas, como a mediación e as titorías entre iguais, asembleas de aulas, cibermentores... Creo que esas ferramentas deberían estar presentes no pacto educativo e instauradas en todos os centros de secundaria, incluso nos últimos cursos de primaria.

-Hai unha fractura entre o centro e as familias?

-Hai un colectivo de pais e nais que en vez de colaborar co centro o que fan é torpedear todo o que se fai e cren que os que estamos no centro somos os seus inimigos. Aquí non hai inimigos. Hai xente que o que quere é o mellor para os seus fillos. Cando se rompe a colaboración é moi difícil solucionar os problemas.

-Por que aconteceu isto?

-Creo que a nivel social houbo un desprestixio. Ao mellor tamén os profesores demos un pouco de pé para que se nos desprestixiara e perdemos a autoridade. A autoridade non a ten que dar unha lei ou unha normativa, témola que facer nós. Agora algúns pais non queren colaborar, queren mandar, e iso non é bo para a educación nin moito menos.

«O problema non é o número, é a distribución docente»

A crise marcou o mandato de Adelino Pose, que puxo en marcha a rede de centros por unha convivencia positiva.

-O 90 % da educación é na casa. Nós podemos ser un complemento desa educación e, se ademais hai colaboración coas familias, os problemas pódense solucionar. Tamén está o perigo de xudicializar a educación. No momento no que un problema educativo sae da súa contorna a visión é distinta. Iso pasa co acoso escolar. Nós temos a posibilidade de solucionar o problema no centro. Cando é fóra, a corrección educativa pasa a ser sanción. O xuíz dará unha sentenza, pero o problema non se solucionou.

-Queren avanzar na formación dos equipos directivos.

-Un director hoxe ten que ter coñecemento case de todo, non só na área de liderado pedagóxico. Ten que ter coñecementos de economía porque levamos orzamentos e contratos. Ten que ter liderado de persoal, de equipo... Aí é onde hai que incidir. Ten que haber unha formación teórica, pero tamén práctica.

-Un «mir» de directores?

-Si, ter a xente de probada experiencia que poida transmitila a través da formación e resolver preguntas específicas aos novos directores. Hai que estudar moi ben o modelo de dirección que se quere. Hai que ter un modelo profesional. Non un corpo de directores, senón que os centros os escollan, que presenten programas, e que sexan formados.

-Manexan cartos e cadros de persoal. O déficit é tan grande?

-Habería que mirar cada caso, pero creo que en xeral os centros están ben dotados. Son dos que opinan que hai que investir máis en educación, pero tamén hai que optimizar o que temos.

-Orzamentos, ben. Persoal, non tanto.

-A maioría dos cadros están mal dimensionados. Ao mellor tes un profesor dunha materia e non tes horas para el e fáltache un doutra materia polos cambios que houbo. Se non contan coa xente que está nos centros, os que fan a lei non o saben. O problema non é o número, é a distribución do profesorado.