
Activo desde hai preto de tres anos, o colectivo con base en Salceda foi inaugurado onte coa presenza de Álex López e Sergio Álvarez
21 may 2015 . Actualizado a las 16:50 h.Castróns 1923 é desde onte peña oficial do Celta. Está formada por un grupo de amigos de Tui, Porriño e Salceda de Caselas, aínda que é neste último municipio onde teñen a súa sede, que acolleu o acto de inauguración ao que acudiron os xogadores do primeiro equipo Álex López e Sergio Álvarez. «En realidade a peña non é nova, naceu xa no ascenso entre un grupo de amigos de Cerquido, que é onde conflúen os tres concellos», explica o seu presidente, Pablo González. A eles fóronse sumando ademais persoas de Tomiño e Mos, entre outras localidades.

A demora en oficializar a súa situación veu dada por un cúmulo de circunstancias. «Por unha banda queriamos darlle un aire celtista á nosa sede, o Antoxo -propiedade dun dos directivos-, ter o merchandising listo... Despois estaban os trámites, que estivemos a piques de dar marcha atrás, pero a Federación de Peñas animounos a seguir», comenta. Ademais, tamén quixeron esperar «a que non houbera nada en xogo» para organizar a inauguración.
Un nome que os define
Os integrantes de Castróns 1923 son neste momento arredor dunha trintena, con idades que van desde os 20 aos 40 anos. O nome escollido non é casual. «Temos uns posicionamentos futbolísticos moi claros e sempre retopamos coas mesmas ideas. Se nos poñemos a defender un adestrador determinado ou unha variante táctica, é moi complicado baixarnos da burra», recoñece Pablo.

A partir de agora propóñense seguir reunindo a máis castróns coma eles. «Queremos medrar e darnos a coñecer entre o celtismo, sobre todo o da na nosa zona». Tamén lles gustaría seguir viaxando un par de veces ao ano como xa levan feito nas últimas tempadas e, por último, se reúnen á xente suficiente, solicitar o servizo de autobús, xa que a maioría dos compoñentes son aboados do clube.