O seu presidente, Miguel Barja, prometeu cervexa gratis ata acabar os barrís no ascenso do 2012 e cumpriu; este ano repite, pero coa clasificación europea
31 ago 2015 . Actualizado a las 11:31 h.Cando hai partido do Celta, a cervexería santiaguesa Merlego convértese nun pequeno gran Balaídos en case todos os sentidos. «Colgo a bandeira fóra, teño preparados o son da sirena para os goles e maila Rianxeira e isto énchese de afeccionados que o vivimos sempre con moita emoción», conta o propietario do bar e presidente da peña á que da nome o negocio, Merlegos Celestes, Miguel Barja. «Chámase así por un souto de castiñeiros que hai no meu pobo, Viana do Bolo, no que xogaba eu de pequeno, cando non había Xbox e había que guerrear onde cadrase», engade.
O Merlego -repleto de bufandas e demais distintivos celtistas- ten once anos de vida no local actual e cinco nun anterior. Barja encargouse desde os inicios de que se caracterizase por ser un lugar 100 % celtista, por iso o proxecto de poñer en marcha unha peña foi cuestión de tempo. «A idea sempre nos rondaba a cabeza, pero demos moitas voltas polo típico, que ninguén se animaba a dar o paso». Un tremendo cabreo foi finalmente o detonante para que se lanzasen. «Con aqueles penaltis que fallaron Catalá e Michu, da rabia que nos deu, xa decidimos que había que facer algo xa, que non iamos esperar máis tempo».
Se aquel primer impulso lles levou a «facer algo», desde aquela xa non teñen parado de facer cousas. O pasado xuño organizaron a I Romaría Celtista, que esperan que se converta nunha tradición na que Siareiros Dezaos tomará o relevo o vindeiro ano. Non faltan nunca en Balaídos -forman parte da chamada Ruta do Norte, na que comparten autobús con Milladoiro e Norte Celeste- e tamén viaxan a partidos de fóra -este ano xa planean acudir a Donosti, Bilbao ou Xixón-; destacan, así mesmo, ás súas visitas á Madroa, que aínda que son menos das que quixeran, non pasan desapercibidas, ou o recibimento que deron en Compostela aos afeccionados que fixeron o camiño en cumprimento a promesa pola permanencia do 4 %.
Quen tamén fixo algunha que outra promesa relacionada co seu equipo foi o propio presidente. «No ascenso do 2012 anunciei cervexa gratis ata que se acabaran os barrís se se conseguía e así foi», lembra orgulloso. Agora espera que cando chegue o final desta tempada haxa máis do mesmo, pero con cotas máis ambiciosas acorde co crecemento do equipo nos últimos anos. «Xa está dito e posto por escrito que se nos clasificamos para Europa volve a haber cervexa para todos. ¡Eu por se acaso xa estou facendo números!».
Empezaron sendo uns quince ou vinte siareiros, clientes que paraban con frecuencia no Merlego encabezados polo seu dono. Agora, en plena campaña de aboados de peña, agardan poder acadar de novo os 170 do ano pasado. «Sempre hai xente que vai e vén, mesmo algúns que se meten e logo non é o que esperan -sincérase-, pero temos moita xente fixa e moi implicada», subliña. Entre eles algúns dos de maior idade, «como Antonio ou Carlos, sempre dispostos a botar unha man con todo». Contan con xente de idades moi variades e non só se nutren de santiagueses e galegos doutros lugares -A Estrada, Foz, Iria-, senón tamén algún estranxeiro. «Temos dous americanos que traballan de lectores na universidade», comenta. Non coñecían de nada ao clube, pero deseguido se empaparon do celtismo que se respira no Merlego ata converterse en dous afeccionados máis.
Logo da boa acollida da romaría de hai uns meses -«ao principio quedei un chisco decepcionado, porque esperaba algo máis de xente, pero pensándoo despois, o certo é que foi un éxito»-, aínda non teñen prevista ninunha nova iniciativa máis alá dos desprazamentos a Vigo -arredor da metade dos peñistas son socios do Celta- e das viaxes para as que xa comezaron a reservar os hoteis. Pero todo se andará. «Estamos aquí para apoiar ao clube, creamos Merlegos para iso nacemos e ese é o noso obxectivo: seguir a tope co Celta en todo o que se poida».
Barja asegura que ser celtista na capital galega non é ningún problema pese a estar na provincia da Coruña, todo o contrario. «Houbo aí uns anos nos que, cos éxitos do Deportivo, tirou un pouco máis entre os cativos. Pero Santiago sempre foi moi celtista e segue a selo». Merlegos constitúe, a día de hoxe, un dos exemplos máis representativos.