O poemario iniciou o rexurdimento da literatura galega
20 nov 2013 . Actualizado a las 12:14 h.Teñen xa un século e medio estes cantares que supuxeron o rexurdimento da literatura no «dialecto» galego (así o chamaba Rosalía) despois dos séculos escuros, estes poemas que pasan por conformar tamén un dos mellores exemplos do romanticismo de toda a literatura española, na liña de todo un Bécquer ou un Espronceda. Non se pode precisar ata que punto puido Rosalía de Castro imaxinar a repercusión que tería a súa obra tras estes 150 anos, pero si sabemos que era moi consciente do que estaba a facer, da revolución que supuña no seu tempo empregar o seu querido «dialecto», e máis tendo en conta a súa condición de muller.
É ben sabido que o libro saíu do prelo o 17 de maio de 1963, pois esta é a razón pola que a Real Academia Galega elixira esta data para celebrar cada ano o Día das Letras Galegas dende 1963, no que como é lóxico, ela fora a homenaxeada.
Non é necesario estenderse en datos sobre a biografía da autora, ben coñecida e doada de localizar. Tampouco temos aquí espazo para afondar demasiado no libro, que se explica como froito do seu tempo. O romanticismo que en Europa xa tiñan revalorizado as culturas folclórica e a canción popular chegou tardiamente a España. Así xorden estes Cantares gallegos como glosas de composicións populares, enmarcadas nunha forma poética sinxela.
O libro naceu con 31 poemas aos que se engadían La gaita gallega de Ruiz de Aguilera e a Resposta de Rosalía. En sucesivas edición engadiríanse outros seis poemas.
Neste aniversario celebrouse un congreso internacional organizado polo Consello da Cultura Galega e mais unha exposición da Fundación Rosalía de Castro. E tamén xerou algunha publicación relacionada cos Cantares (recollidas no suplemento Culturas do pasado 7 de setembro): unha reedición do poemario da editorial Xerais; un ensaio de María Pilar García Negro: Cantares gallegos, hoxe; o número 194 case monográfico da revista Grial; unha edición dalgúns poemas adaptados para nenos e con música: Rosalía pequeniña, de Galaxia; e o libro-cedé Na lingua que eu falo de Najla Shami, tamén de Galaxia.