Non é maxia. ¡É ciencia!

> Ana Abelenda

LA VOZ DE LA ESCUELA

As bibliotecas do IES A Xunqueira II, de Pontevedra, e da Escola Unitaria de Vide (á dereita) desenvolven numerosas actividades e proxectos para potenciar a aprendizaxe das ciencias
As bibliotecas do IES A Xunqueira II, de Pontevedra, e da Escola Unitaria de Vide (á dereita) desenvolven numerosas actividades e proxectos para potenciar a aprendizaxe das ciencias

Esta máxima da Escola Unitaria de Vide resume a experiencia cotiá de dúas bibliotecas escolares nas que aprender é case un xogo e nas que as matemáticas amosan a súa relación coa realidade máis cotiá

26 nov 2014 . Actualizado a las 10:43 h.

«Esta é a nosa máxima: Non é maxia, é ciencia», di Sabela Huerta, a mestra da Escola Infantil Unitaria de Vide, nas Neves (Pontevedra). As ciencias naturais, a física e as matemáticas trabállanse na aula cos recursos que achega a biblioteca escolar. E así os pequenos de 3 a 5 anos do centro -e os rapaces máis maiores da parroquia que tamén fan uso da biblioteca polas tardes- descobren algunhas das chaves da ciencia no que, de partida, semella maxia. Segundo a mestra, o material do que se dispón é escaso, especialmente o publicado en galego, mais o estímulo é grande. Con axuda de recursos dirixidos en ocasións a alumnos de niveis de ensino superiores, sacando partido aos debuxos, esquemas e cores dese material, os pequenos medran case sen darse de conta en sabedoría e convértense en científicos, en matemáticos, mesmo ás veces en profesores de maxia (non... ¡de ciencia!) para nenos de maior idade. Eles desenvolven activamente os proxectos que se programan na escola e a biblioteca. Como explica Sabela Huerta, buscan recursos e información, investigan e resolven situacións. «Dende a biblioteca facemos un esforzo para que o alumnado de infantil traballe e entenda as ciencias. Para eles a ciencia é a sorpresa», e esta dinámica de traballo que seguen, unha maneira non só de aprender física ou mates, senón ademais de traballar «todo o currículo» e, entre outros aspectos, a lectoescritura.

un fío condutor

No IES A Xunqueira II, de Pontevedra, a ciencia cumpre así mesmo un papel protagonista na aprendizaxe. «Dende que se celebrou a Semana da Ciencia do 2009, esta é un fío condutor para moitas actividades que se desenvolven no centro e, en particular, na biblioteca», explica a profesora María José Vicario. Cada curso, traballan nun tema monográfico, que normalmente é o mesmo ao que a ONU lle dedica o ano. O punto de partida adoita ser unha exposición, ben do Concello, ben propia, en torno á que se fan diversas actividades e iniciativas nas que os alumnos, que asoman no blog Bibliototem (http://bibliototem.blogspot.com.es/). «Trátase de que eles, os rapaces, se molesten en investigar», afirma a profesora, e de que desenvolvan unha sá competitividade en probas lóxicas e de enxeño. A fotografía e a pintura son dúas das artes ás que no IES A Xunqueira se lles busca a conexión coa ciencia, sen prescindir de lecturas especializadas que familiarizan aos alumnos cunha disciplina de aplicación moito máis cotiá do que semella.

Botando contas con Caillou

Os contos son un dos grandes recursos que utilizan na Escola Unitaria de Vide para aprender. «Este ano buscamos as matemáticas nos contos», explica Sabela Huerta. As mates mandan tamén na programación da biblioteca do IES A Xunqueira. «Toda a programación da escola está relacionada cos números», di a mestra de Vide. Nin o Samaín lle deu cabazas ás contas na escola. ¡Ao contrario!: sumaron moito na aprendizaxe da mates, serviron para facer sumas, restas, secuenciacións...

Xaime e as Landras é dun dos volumes cos que traballan na biblioteca escolar do centro das Neves. «Á parte de plantar landras para que agromen, tomando o conto como punto de partida, resolvemos pequenos problemas matemáticos», comenta a mestra. Caillou, un dos poucos personaxes de ficción de éxito que saben falar galego, é outro dos nenos de conto que amosan a través da lectura e o xogo outras canles para a aprendizaxe.

Os matexogos -aos que os internautas poden acceder nos Cadernos de Vide (http://aldeatotal.blogspot.com.es/)- son unha das pedagóxicas diversións que propón a Escola da Vide aproveitando o potencial que achegan os recursos electrónicos, que tamén espreme o IES A Xunqueira para contaxiar de curiosidade científica aos seus alumnos.