A auga vista polos escolares

La Voz

LA VOZ DE LA ESCUELA

Entrega de premios na festa de Voz Natura: a profesora Xulia Morás Naya, Antón López Yanguas, José Manuel Campelo Rosales (director de comunicación de Viaqua), Mónica Justo Fontán, Julio Masid Bande (director territorial para Galicia de Viaqua), Beñat Manteola González-Tejada e a profesora Lourdes Soto Carballo
Entrega de premios na festa de Voz Natura: a profesora Xulia Morás Naya, Antón López Yanguas, José Manuel Campelo Rosales (director de comunicación de Viaqua), Mónica Justo Fontán, Julio Masid Bande (director territorial para Galicia de Viaqua), Beñat Manteola González-Tejada e a profesora Lourdes Soto Carballo VÍTOR MEJUTO

Éxito de participación no concurso de fotografía Galicia, auga e literatura convocado por Viaqua

10 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O concurso foi convocado o 22 de abril e xusto un mes despois reuniuse o xurado para decidir que traballos eran os merecedores dos catro premios do certame. Difícil elección, pola cantidade e calidade das fotografías que pasaron á fase final, máis de 200. A proposta de Viaqua e La Voz de Galicia era todo un reto: os escolares tiñan que elixir un poema en galego que lles servise de inspiración para sacar unha foto relacionada co mundo da auga. Ou sexa, unha poesía, unha imaxe e unha explicación persoal sobre o traballo realizado. Nesta páxina só puidemos reproducir as catro fotos premiadas, pero na Festa de Voz Natura do pasado sábado, onde se celebrou a entrega de premios, miles de compañeiros destes fotógrafos noveis puideron admirar moitas outras que inundaron de auga e literatura a zona de Prensa-Escuela. ¡Vaia festa!

CATEGORÍA INFANTIL, PRIMEIRO PREMIO

Beñat Manteola González-Tejada

Beñat Manteola González-Tejada, 11 anos, CEIP Curros Enríquez, Ourense.

Profesora: Lourdes Soto Carballo

Beñat inspirouse nun poema de Rosalía de Castro («Cantares gallegos»). E xustifica así a súa elección: «Regatos, regueiros, fontiñas? En Galicia (o país dos mil ríos) podemos encontrar fermosísimos recunchos nos que a auga é a protagonista. Rosalía amaba cada recanto da súa terra e reflectiuno, maxistralmente, nos seus poemas».

Misterios da tarde

murmuxos da noite:

cantarte hei Galicia, 

na beira das fontes

CATEGORÍA INFANTIL SEGUNDO PREMIO

Alberto Río Gavín

Alberto Río Gavín, 8 anos. CEIP n.º 1,  Foz.

O poema no que se inspirou Alberto para facer a fotografía é de Manuel María. «Gústame moito como Manuel María  conta que os ríos pequenos chegan a facer un río grande e importante, como gota a gota se vai formando un gran caudal. É moi bonita para ler».

Nós, tan humildes, somos ríos pequenos

que bicamos a terra con amor

Ríos sen gloria que lle damos ao río Miño

o noso amor sinxelo: luz e auga.

CATEGORÍA XUVENIL PRIMEIRO PREMIO

Antón López Yanguas

Antón López Yanguas, 16 anos, CPR Compañía de María, A Coruña. 

Profesora: Xulia Morás Naya

O poema elixido é tamén de Manuel María. Atópase no libro «O Miño, canle de luz e néboa», e titúlase «Desacordo contra os contaminadores do Miño». Di Antón que Manuel María «transmite nesta obra o seu amor incondicional polo Miño, describindo detalladamente a súa natureza, aínda que tamén deixou espazo para denunciar o estado do río en poemas como o anterior. Aínda que a mensaxe do poema sexa a contaminación do río Miño, escollín precisamente uns versos onde non se nomeaba o susodito para facer referencia á miña fotografía, a cal foi sacada na ría do Burgo. Crin que podería quedar ben xuntar un poema de denuncia social cunha fotografía coma esta, posto que a ría do Burgo é unha das máis contaminadas, pola cal houbo numerosas protestas polo seu estado e pola que os políticos non moveron un dedo para mellorar o seu nefasto estado. A lata de Fanta é o elemento central ?a cal non coloquei eu para facer a foto, senón que estaba tirada na ría? e non é máis que un exemplo de falta de moralidade dos ?emporcadores da auga?, pero nada novo na ría. O obxectivo do concurso era representar a auga, a paisaxe e a literatura de Galicia. Ben, pois por desgraza, na nosa terra non todas as augas e as paisaxes son idílicas e perfectas. Hai cousas como esta que deberían cambiar axiña». 

Asasinos da vida, da beleza, dos dons

marabillosos para uso e gozo do home

e de todo canto vive neste mundo.

Emporcadores da auga.

Verdugos de peixes. Violadores.

CATEGORÍA XUVENIL SEGUNDO PREMIO

Mónica Justo Fontán

Mónica Justo Fontán ten 14 anos e estuda no IES de Sanxenxo.

Dinos Mónica que escolleu un poema de Xosé María Díaz Castro e que fixo esta foto porque «ademais de que é moi bonita non é a típica foto sobre a auga que sería unha fonte ou un río, se non que simplemente é un charco de auga, o que pode simbolizar unha bágoa de Deus, e ademais aparece o reflexo dunha árbore, como é lóxico, so na zona onde hai auga, como dicindo que so hai árbores onde está ela, e que esa árbore está aí grazas a ela, o que é certo. Esta foto paréceme que expresa perfectamente a importancia da auga para a existencia da vida. 

O poema di»:

Coma un río quixera eu ser: cantar

con estrelas no lombo cara ó mar,

deixando unha chorima en cada pedra

¡Unha bágoa de Deus en cada ierba!