Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

¡Ai, os deberes!

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os estudantes teñen que ser capaces de facer os deberes sen axuda de adultos para que resulten beneficiosos
Os estudantes teñen que ser capaces de facer os deberes sen axuda de adultos para que resulten beneficiosos OSCAR CELA

As tarefas escolares para casa son un crebacabezas para moitas familias

21 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Son moitos os pais que cando van recoller ao seu fillo á porta do colexio o primeiro que fan é preguntarlle: «¿Tes moitos deberes para mañá?», mentres miran de esguello (e sempre con moita aprehensión) o mochilón que carga ás súas costas repleto de obrigacións para o día seguinte. Exercicios de Matemáticas, redaccións para clase de Lingua, actividades do libro de Ciencias ou esquemas do tema 2 de Sociais. Case nunca se trata de cousas divertidas... e tárdanse en facer máis do que parece. O peor de todo é que non serven para demasiado. Así o que reflicte o último estudo realizado pola OCDE sobre o Informe Pisa 2012, que achega os seguintes datos:

? España é o quinto país que máis deberes pon nunha lista de 38. Só en Irlanda, Italia, Polonia e Rusia se pon máis deberes.

? Os estudantes españois dedican 6,5 horas semanais a facer as tarefas, fronte a unha media de 4,9 no resto dos países da OCDE.

? Dous das nacións nas que menos tarefas se mandan (unhas 2 horas semanais) son as que obteñen mellores resultados académicos: Finlandia e Corea do Sur.

En contraste, a pesar dos mediocres resultados dos estudantes españois nas probas Pisa, son dos que se escolarizan antes, pásanse máis horas nos centros educativos e levan máis deberes para casa. A pregunta é obrigada: ¿que está a fallar?

Segundo a Ceapa (Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos), que representa a miles de familias de toda España, está a fallar todo o sistema educativo. En concreto denuncia que os deberes se converteron nunha prolongación da xornada escolar que xera moitos conflitos na familia e desigualdade entre o alumnado. «Non todas as familias poden pagar un profesor particular nin tampouco contan cos mesmos recursos nin formación para axudar aos seus fillos».

Por iso piden que non haxa deberes fóra do horario escolar ou, de pólos, que sexan actividades complementarias relacionadas coa lectura, a investigación e a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación. Tamén propoñen programas de apoio dentro dos propios centros educativos e cambios no currículo e a metodoloxía «para que o sistema educativo se adapte á sociedade do século XXI».

TAREFAS CON SENTIDO

Mandar deberes para casa pode achegar beneficios ao alumno, a condición de que cumpran uns criterios básicos:

1. Que os poidan facer eles sos de forma autónoma, sen que un adulto (os propios pais ou un profesor particular) teña que estar ao seu lado para explicar os contidos e guiar a tarefa.

2. Que non sexan excesivos: nin de todas as materias nin todos os días. Para iso é imprescindible que os profesores se coordinen entre si.

3. Que non empecen antes de 3.º de primaria e non ocupen moito máis dunha hora diaria.

4. Que sexan tarefas individualizadas, adaptadas ás necesidades de cada alumno. Por exemplo, a Luis vénlle ben practicar a lectura comprensiva, a Marta repasar a táboa de multiplicar, a Raquel a caligrafía...

5. Que teñan en conta os diferentes ritmos e capacidades de traballo (se cadra Antón faino en media hora, pero Alba pasarase case tres horas loitando cos exercicios de Matemáticas). Unha solución é establecer polo menos dous niveis de actividades: as obrigatorias e as voluntarias ou de ampliación, para os máis rápidos e motivados.

6. Que sexan actividades que sirvan para repasar conceptos xa aprendidos en clase (e non se aproveite para meter contidos novos).

7. Que favorezan a creatividade. Que estean relacionados coa experimentación e investigación. Por exemplo: visitas a museos e bibliotecas, análises de noticias, manualidades, problema de enxeño, argumentacións...

8. Que estean conectados coa cultura audiovisual e a sociedade da información na que naceron (visionado de películas, procura en Internet, presentacións, webquest, redes sociais...).

9. Que fomenten o traballo en equipo, o compañeirismo e o éxito colectivo.

10. Que sexan revisados e corrixidos polo profesor, para dar ao alumno información acerca dos acertos obtidos e os erros.

11. Que non aumenten para o fin de semana ou en períodos vacacionais. Estes días son para descansar e para facer outro tipo de actividades.

12. Que sexan actividades atractivas e motivadoras: non monótonas, repetitivas e pesadas.

En resumo, ¡que non quiten as ganas de aprender!

Escola de pais

Tema do mes: ¿A que dedican o tempo os nosos fillos?

Etapa: Educación obrigatoria.

O dato: Máis do 80 % dos pais e nais dan prioridade aos deberes á hora de planificar o tempo libre dos seus fillos, mentres o xogo e a actividade espontánea considéranse importantes só no 9 % dos casos (Heike Freire, autora de «Hiperactividade e déficit de atención»).

Algunhas claves: Asegurarse de que, ademais do tempo que dedica á xornada escolar, ás extraescolares e aos deberes, teña polo menos un intre de esparexemento e xogo.

Para saber máis: Os deberes repetitivos non melloran o rendemento escolar e si afectan negativamente á felicidade dos nenos e á calidade de vida das familias. Isto é o que pensan as máis de 100.00 persoas que xa asinaron a petición de Change.org «Pola racionalización dos deberes no sistema educativo español» para que se eliminen canto antes os deberes abusivos e se propoñan tarefas razoables. «A racionalización dos deberes é só un cambio máis entre os moitos que necesita o sistema educativo español», opina Eva Bailén, enxeñeira de telecomunicacións e nai de tres fillos que impulsou esta petición dirixida ao Ministerio de Educación.: https://goo.gl/4gvgDI

>>> anatjack@edu.xunta.es