¡Tes que gañar!

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Antes de preguntarlles polo resultado dun partido é mellor interesarse por se o pasaron ben
Antes de preguntarlles polo resultado dun partido é mellor interesarse por se o pasaron ben MONICA IRAGO

Un exceso de competitividade no deporte infantil carrexa consecuencias negativas

27 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Son as catro da tarde dun sábado calquera. Tomás, o pai de Bruno, non está botando a sesta, como adoita facer o fin de semana. Está sentado nas frías bancadas dun polideportivo con moi mala acústica no que o seu fillo de 8 anos xoga un partido de fútbol contra un equipo rival. Antes de entrar na cancha intentou motivar ao seu pequeno campión dicíndolle: «¡Tes que meter un gol! ¿Óesme? Non me decepciones e mete polo menos un gol, fillo». Pero Bruno, que ve como pasa o tempo e non consegue colocar o balón na portería contraria, xa sente o peso da derrota sobre os seus ombros. Xa lle parece estar a oír ao seu pai: «Moi mal, fatal, non me gustou nada como xogaches, que desastre». Como ocorreu noutras ocasións, o neno irase coa cabeza baixa á casa e pasará o que queda de día enfadado co mundo. Como di o seu pai: «Non sei por que, pero ten moi mal perder».

Este exemplo representa a eses pais (por sorte, unha minoría) obsesionados porque os seus fillos sexan os mellores deportistas, sen ter en conta que a competitividade excesiva carrexa consecuencias moi negativas para o desenvolvemento dos nenos. En xeral, os nenos demasiado presionados para triunfar:

  • Son nenos esgotados física e psiquicamente, que non gozan co que fan. Só se senten aliviados cando gañan.
  • Avalían os seus resultados en termos de todo ou nada: ou se gaña ou se perde.
  • Cando gañan, séntense o number one. Cando perden, séntense humillados, fracasados e contrariados.
  • Padecen altos niveis de estrés e baixa tolerancia á frustración. Enfádanse con facilidade.
  • Teñen baixa autoestima (só se senten ben practicando o deporte no que destacan) ou en ocasións demasiado alta (poden chegar a ser moi egocéntricos).
  • Rexeitan probar a facer tarefas ou realizar actividades nas que sospeitan que non van ter éxito.
  • En ocasións teñen actitudes de superioridade ou de desprezo cara aos menos hábiles e mostran certa falta de empatía e sensibilidade.

En cambio, cunha competitividade sa ou, o que é o mesmo, entendida como superación persoal:

  • Ensínaselles a gozar do que fan, independentemente de se se gaña ou se perde.
  • Faise fincapé nos valores de equipo, na cooperación e na axuda aos demais.
  • Valórase o esforzo moito máis que o resultado.
  • A comparación non se fai cos demais, senón cun mesmo.
  • Apréndese dos erros, pero non se castiga por eles.
  • Asimílase a idea de que esforzarse para superarse a un mesmo é unha forma de competitividade positiva.

Así que, no canto das frases tóxicas do exemplo, unhas palabras de ánimo para antes do partido poderían ser algo así como: «¡Ti inténtao! Non importa se o consegues ou non. Pero sobre todo ¡pásao ben!».

¿Que podemos facer desde casa?

  • Non permitir que desde os 5 ou 6 anos estean sometidos á presión dos resultados, das clasificacións e das convocatorias, coma se fosen profesionais.
  • Non entrar antes de tempo no círculo do gasto excesivo para profesionalizar aos nenos (con equipos deportivos, roupa de marca, complementos técnicos...).
  • Non deixarlles que pensen que o único que queremos é que gañen ou que sexan os mellores (e que se non o conseguen sentirémonos decepcionados).
  • Non manter unhas expectativas demasiado altas do rendemento do noso fillo de forma que lle creemos estrés e sentimentos de frustración.
  • Como pais, manter a compostura como espectadores desde as bancadas, evitando as mensaxes de presión (¡xuta, xuta!) agresivos (¡acaba con eles!) ou de falta de respecto ao árbitro (¡está comprado!).
  • Antes de preguntarlles polo resultado dun partido ou dunha competición, é bo interesarse por se o pasaron ben ou non.
  • Non permitir actitudes pouco respectuosas cos rivais, e moito menos piques, disputas ou pelexas.
  • Reforzar aspectos como a deportividade, o respecto, o esforzo realizado e o espírito de superación ante resultados tanto negativos como positivos.
  • Evitar unha mentalidade perfeccionista e obsesiva para render a un nivel óptimo que carrexe frustracións constantes.
  • Asegurarse de que practica ese deporte por propio gusto e non por satisfacer os desexos dos seus pais ou outras persoas.
  • Non permitir que a fatiga ou o estrés que lle provoca a práctica dese deporte prexudique a súa saúde física (falta de soño, esgotamento...) ou mental (estrés, ansiedade, falta de concentración...), e valorar en tal caso a posibilidade de cambiar de actividade.
  • Asegurarse de que no equipo no que está prima o bo ambiente e o compañeirismo, sen que se lle discrimine a el ou a outros compañeiros menos hábiles deixándoos no banco todo o partido.

Escuela de padres

  • Tema do mes: Beneficios do exercicio físico.
  • Etapa: Educación obrigatoria.
  • A frase: «Hoxe as extraescolares deportivas son moi competitivas e rapidamente meten ao neno nun mundo case profesional onde os pais sacrifican diñeiro e fins de semana por conseguir que os seus fillos se tecnifiquen e sexan figuras» (Pérez Alonso-Geta, catedrática de Teoría e Antropoloxía da Educación da Universidade de Valencia).
  • Comportamentos que evitar: A presión para gañar.
  • Algunhas claves: Transmitir aos fillos a multitude de valores positivos asociados ao deporte (benestar físico e psicolóxico, traballo en equipo, superación de retos, constancia...).
  • Para saber máis: «Presión e deporte: unha mala combinación para os nenos». Faros. Sant Joan de Déu (http://goo.gl/u8s11k).