O curso despídese con máis premios para os alumnos galegos

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os alumnos de segundo do CEIP Camiño Inglés, de Oroso, celebran o premio que gañaron no certame Nós Tamén Creamos
Os alumnos de segundo do CEIP Camiño Inglés, de Oroso, celebran o premio que gañaron no certame Nós Tamén Creamos cedida

O traballo, que non está rifado coa diversión, sempre ten a súa recompensa

15 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O curso 2015-2016 está a piques de despedirse para sempre. E como pasa un ano si e outro tamén, aquí houbo de todo. Por haber, ata houbo un outono moi seco, un inverno que non parou de chover e mais unha primavera das que chego e non chego que causou problemas pequenos e mesmo grandes aos alérxicos, sobre todo ao pole. Un curso no que algúns non fixeron máis esforzo co necesario pero no que moitos lle deron arreo. Alumnos e profesores. Porque, se non, ¿como explicar os galardóns e premios? Só se explican, si, polo traballo. Dicía Pablo Picasso que a inspiración existe, pero ten que atoparte traballando. Porque aprender pode ser divertido moitas veces, pero seguro que tamén esixe botarlle tempo e, en moitas ocasións, un chis de alma.

Oroso trunfa cunha adaptación audiovisual do conto «A figueira de Pelostortos»

O CEIP Camiño Inglés, de Oroso, acaba de chegar, como quen di: está a rematar o seu segundo curso e parece que irrompe no mundo educativo con forza. Os seus alumnos de 2.º, que suman 22, acaban de gañar o certame Nós Tamén Creamos (dentro do plan Proxecta) cunha adaptación do conto A figueira de Pelostortos á temática do Camiño Inglés. Atrás deles estiveron a súa propia profesora, Maribel Varela, e a de Música, Toñi Girón. Colleron a cousa con forza, porque comezaron a traballar a finais do pasado mes de outubro e non pararon ata rematar... e gañar dentro da súa categoría, os pequenos da primaria.

Sete alumnas de Rois gañan un premio de vídeos en París

Sete alumnas. Nin unha máis nin unha menos. Todas estudan 3.º da ESO no Centro Público Plurilingüe Integrado de Os Dices. Isto é territorio coruñés de Rois, e aí traballa Céline Benmessaoud, profesora de Francés. E as sete rapazas chegaron hai uns días de París, onde recolleron o segundo premio nun certame internacional de vídeos... en lingua francesa. E non foi doado, porque había 852 proxectos asinados por 44.112 participantes, coordinados á súa vez por 4.136 profesores. ¿E de que trata ese vídeo gañador? Pois da paixón pola apicultura dun dos seus veciños.

CONCURSO. Deseña una xoia para a túa nai

Unha ducia de escolares de toda Galicia con idades entre os 3 e os 12 anos foron premiados polo Colexio de Xoiaría de Galicia do xeito máis orixinal posible: facendo realidade a xoia que eles mesmos deseñaran. Trátase da sétima edición do concurso Deseña unha xoia para a túa nai, que organiza o devandito colexio en colaboración con Galicia Calidade e que este ano contou coa participación de 8.515 escolares, dos que saíron inicialmente 80 finalistas. Os premiados estudan en colexios de Culleredo, O Porriño, Vedra, Vigo, Ponteareas, A Pobra do Caramiñal, Cotobade, Ourense, Santa Comba, A Coruña e Muimenta.

«Cos concursos descobres cousas que doutra maneira non saberías»

ENTREVISTA | Martín Fernández Villaverde, gañador dun certame sobre o Camiño Inglés

Martín Fernández cursa 6.º de primaria no CEIP Sigüeiro e acaba de gañar o primeiro premio do Certame de Investigación do Camiño Inglés, categoría menores de 18 anos. Pateou a ruta e logo fixo un traballo descritivo.

?¿Que che pareceu o Camiño?

?O que me parece ben é facer un concurso, porque así podemos aprender máis, e aínda que o Francés é máis importante, non hai que menosprezar outros preciosos, como o Inglés.

?¿É bonito? ¿Está ben coidado?

?Penso que é bonito pero que non está moi ben coidado, e teríamos que apreciar máis o que temos.

?¿Os concursos axudan a entender mellor o que se dá na escola?

?Si, porque aparte de entender as cousas mellor tamén descobres máis que doutra maneira non saberías.