Unha escola inglesa elixe o Camiño a Santiago como tema do día

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Alumnos do St. John’s, de Bishops Auckland, na abadía de Finchale, de onde parte o Camiño Inglés a Santiago
Alumnos do St. John’s, de Bishops Auckland, na abadía de Finchale, de onde parte o Camiño Inglés a Santiago CEDIDA

Os alumnos do colexio St. John?s, de Bishops Auckland dedican unha xornada lectiva a recuperar a ruta xacobea tal como se facía hai máis de medio milenio

08 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Chámanlle Drop Down Day e celébrano unha vez ao trimestre. É un día sen clases convencionais, senón que o centro elixe un tema e todos os seus 1.500 alumnos traballan sobre el. E este trimestre o tema foi o Camiño Inglés a Santiago.

O centro é o St. John’s, un colexio privado católico que traballa en varios proxectos co Cristo Rey de Oleiros e máis co centro de educación infantil e primaria (CEIP) Camiño Inglés de Sigüeiro (Oroso). ¿A súa situación? En Bishops Auckland, unha pequena localidade do nordés de Inglaterra e non lonxe da fronteira con Escocia. Ou sexa, na ruta xacobea que está a ser recuperada e que o sábado 18 deste mes acollerá a segunda peregrinación nos últimos cincocentos anos, na que tamén haberá profesores e non faltará algún alumno do St. John’s cos seus pais. A iniciativa de recuperar as peregrinacións partiu do Xacobeo (a entidade galega responsable da promoción dos Camiños de Santiago) hai case dous anos, e particularmente sumouse a ela dun xeito oficial o Concello de Oroso.

A experiencia -«Sáenos moi ben», aseguraba, ledo, o profesor Phil Robertson- foi multidisciplinar, e actividades houbo para todos os gustos e niveis. E así, unha auténtica e festiva tropa de estudantes recibiu información sobre o punto de partida orixinal do Camiño Inglés, a abadía de Finchale, e logo marcharon en autobuses alí para percorrer andando a distancia que a afasta da catedral de Durham (patrimonio da humanidade hoxe), tal e como se facía hai máis de medio milenio.

Os menos quedaron nas aulas e arredores. Entre os seus traballos cómpre salientar cartas individuais escritas a Margery Kempe, a única peregrina británica do século XV que chegou a Compostela... ou polo menos a única da que se coñece o nome.

Houbo escritos sobre o senso relixioso do Camiño, baseados na toponimia local, sobre a ciencia e os idiomas (hai que lembrar que xa o Códice Calixtino describe a cantidade de linguas que se escoitaban en Santiago), elaboráronse cómics onde non faltou nunca a referencia á cervexa tan británica e tan popular nos tempos dourados das peregrinacións polo Camiño Inglés, e mesmo un nivel educativo enteiro cubriu unha credencial sui generis de peregrino, recibindo algo que se parece a unha compostela; ou sexa, un certificado de que traballou arreo nese Drop Day. «Como todos os alumnos do colexio», rematou o profesor Robertson.

 

 ACTIVIDADES

  • ¿Que che parece iso de que un día todo o teu centro traballe con algo en principio moi estraño aos libros de texto e ao programa oficial? ¿Participarías con gusto ou non? ¿Que temas propós?
  • Igual necesitas máis datos. Este é o correo electrónico do colexio St. John’s: staff@stjohnsrc.org.uk. E esta a súa web: http://www.stjohnsrc.org.uk
  • Non é mala idea, por certo, saber onde está Bishops Auckland. Google Earth axúdate a localizado.
  • ¿Sabes que é a credencial de peregrino? ¿E que a compostela é o certificado de viaxe máis antigo do mundo que segue en vigor? ¿Onde se dá a compostela? ¿Cantos quilómetros tes que facer andando para obtela?