O novo itinerario, promovido pola Deputación, ten 25,5 quilómetros
28 ene 2012 . Actualizado a las 07:10 h.Nos pasados días acabaron os traballos de acondicionamento e sinalización dunha nova ruta de sendeirismo de Doade a Augas Mestas, un traxecto de 25,5 quilómetros de lonxitude que discorre polos municipios de Sober, Monforte, A Pobra do Brollón e Quiroga. A creación desta ruta forma parte dun proxecto impulsado pola Deputación e anunciado a finais do 2010, que prevé tamén o acondicionamento doutro itinerario de 30 quilómetros entre Santo Estevo de Ribas do Miño, no Saviñao, e Santo Estevo de Atán, en Pantón. O organismo provincial pretende conseguir para estes camiños o recoñecemento oficial como rutas de sendeirismo de longo percorrido.
O trazado do itinerario de Doade a Augas Mestas correu a cargo da asociación cultural soberina O Colado do Vento, que encomendou os traballos a dúas empresas especializadas. O deseño da ruta de Ribas de Miño a Atán é competencia da Asociación Veciñal do Saviñao, pero esta actuación encóntrase nun estado moito menos avanzado. «O cambio de goberno na Deputación e os axustes presupostarios que houbo que facer foron retrasando o proxecto e aínda falta por adxudicar as obras», sinalan deste este último colectivo. «Nós xa comezamos a limpar algúns tramos de camiño pola nosa conta, pero o traballo aínda tardará un tempo en estar terminado», engaden.
Redución do orzamento
A Deputación tiña previsto inicialmente destinar en torno a 30.000 euros a estas dúas actuacións, pero o investimento real será finalmente algo máis reducido a causa dos recortes orzamentarios que a crise obrigou a aplicar neste e noutros apartados.