O contacontos Anxo Moure e a ilustradora Cristina Ouro, ambos veciños de Chantada, presentarán hoxe na feira Culturgal de Pontevedra unha nova edición do libro infantil O carballo con botas, publicado pola editorial Sotelo Blanco dentro da súa colección «Libros plantabosques». Todas as publicacións deste proxecto están impresas en papel reciclado e a editorial comprométese a plantar unha árbore autóctona por cada exemplar vendido.
A historia que narra O carballo con botas está situada «entre a Serra do Faro e o manso do Miño» e pretende ensinar aos nenos unha forma prática e sinxela de plantar árbores utilizando botas vellas. A publicación foi dada a coñecer a semana pasada na Feira do Libro de Mértola, en Portugal.
A primeira edición de O carballo con botas foi publicada no 2009 pola editorial 2Teixos e estaba acompañada de ilustracións do tamén chantadino Tino Varela. A historia inspírase nun relato que Anxo Moure escenifica con frecuencia nas súas actuacións desde finais da década dos noventa.